Pilar De Lara deixou "preto de 24 causas" sen resolver sobre macroprocesos contra a corrupción

O avogado da xuíza non descarta que o seu caso sexa un suposto "perfecto" para o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos
Pilar De Lara. AEP
photo_camera Pilar De Lara. AEP

A xuíza do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, Pilar de Lara, deixou "preto de 24 causas" sen resolver, na súa maioría sobre marcoprocesos contra a corrupción política e policial. Así o constatou este xoves o seu avogado, Agustín Azparren, quen precisou que, dun volume de 80, a xuíza cesada por "dilacións indebidas" deixou sen resolver sobre 24 causas. 

O avogado da maxistrada explicou que "a historia do expediente" polo que De Lara foi cesada durante sete meses e un día e que a levou á perda de destino "iniciouse pola inspección" dos procesos dos que se facía cargo. Nomeouse a un xuíz de apoio para esta inspección e concluíuse que "despois dun seguimento de dous anos" —que o avogado nega "que existise"— o proceso determina que De Lara "segue coas mesmas causas". "Encárgase de 80" e despois de dous anos "segue habendo as mesmas, sobre 77 ou 78". 

Con todo, "demóstrase ao longo do expediente" que había "un erro, pero non se modifica a sanción", apunta Azparren. "Agora conseguiu reducilas a 24 e nalgunha delas foi recusada", engadiu.

Azparren: "Non é unha xuíza que leve casos normais, era unha xuíza que se adicaba a perseguir delitos de corrupción política e corrupción policial"

TRIBUNAL EUROPEO DE DEREITOS HUMANOS. Por todo isto, considera "dura" a condena imposta a Pilar de Lara e precisou que o Consejo General del Poder Judicial "sanciona a 15 ou 20 xuíces ao longo dun ano" e en seis anos "imporía sobre 60 ou 70 sancións". "Por este tipo de faltas prodúcense sobre catro" perdas de destino e critica que a da xuíza "sexa das máximas sancións impostas por este Consello e polos anteriores tamén".

Dende esta perspectiva, Azparren non dubidou en afirmar que De Lara está disposta a "esgotar todas as instancias" do poder xudicial. Aínda pendente do recurso ante o Tribunal Supremo, non descarta que o seu caso sexa un suposto "perfecto" para o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. 

"Non é unha xuíza que leve casos normais, era unha xuíza que se adicaba a perseguir delitos de corrupción política e corrupción policial", destacou Azparren.  Por iso cre que o Grupo Europeo de Xuíces contra Corrupción, que se integra no Consello de Europa, "unha das cousas que di é que non se loita contra a corrupción de igual maneira cando o Consejo General del Poder Judicial está nomeado polo Parlamento e non polos xuíces". 

Comentarios