martes. 04.08.2020 |
El tiempo
martes. 04.08.2020
El tiempo

Patricia Otero: "Non vexo a necesidade de darme a coñecer, non son novata"

Patricia Otero. XESÚS PONTE
Patricia Otero. XESÚS PONTE

É unha das caras con máis poder na política provincial e, non obstante, menos coñecida polo público en xeral
 

TEN FACILIDADE DE palabra e moita seguridade en si mesma. Feminina e feminista á vez, esta avogada laboralista atópase a gusto no seu salto á política tanto no Parlamento, onde revalidará o seu escano, como na dirección do PSdeG- PSOE na provincia, tarefa á que leva dedicada un ano, desde a súa elección en primarias polos militantes do partido.

De onde saiu Patricia Otero?

Pois nacín en Monforte, crieime en San Cibrao e vivín en Burela, así que podo facer unha radiografía da provincia de Lugo. A que se dedicaba antes de meterse en política? Levo en política activa desde 2015, cando fun elixida concelleira en Burela. Despois, en 2018, pasei ao Parlamento, onde fun voceira de Emprego e de Pesca. E, desde xullo de 2019, son a secretaria provincial do PSdeG-PSOE en Lugo. Pero eu son avogada laboralista. Estiven na UXT en Viveiro e tamén tiven despacho propio ata que entrei no Parlamento.

Agora a política é o seu traballo?

Non é traballo, é vocación. Desde sempre, a miña paixón foi conseguir unha igualdade, non só de xéneros, senón global. A política quítache moitas horas coa familia e, a cambio, tes que ter unha ilusión por mellorar a vida dos demais porque fálase de que a política non vale para nada pero case todo o que hai é política.

Houbo outros políticos na súa familia ou é vostede a primeira?

Na miña casa sempre se falou de política e a miña familia sempre votou ao PSOE pero ninguén exerceu de político. Son eu a primeira e cando vían que me metía, dixéronme: "Pero sabes ao que te vas enfrentar?". Eu si o sabía porque involucrada estiven sempre. Xa, de nova, quería ser deputada e cando estudaba en Santiago e pasaba polo Hórreo, pensaba cando estaría eu alí.

Parlamentaria socialista xa na anterior lexislatura, Otero repetirá no Hórreo ao encabezar a candidatura por Lugo. Por iso, non se considera unha novata en política.

Criada en San Cibrao e avogada laboralista, ten todas as papeletas para defender Alcoa!

Por suposto, porque, ademais, son filla dun traballador de Alcoa. Pois logo terá que mollarse... Xa nos estamos mollando! Nós sempre estivemos cos traballadores, tanto os alcaldes como os nosos voceiros municipais na Mariña. E fomos a todas as manifestacións de Alcoa. A política ten tamén as súas partes ingratas. Por exemplo, con Alcoa, pásase mal porque queremos ir a outra velocidade e non podemos.

Ten experiencia política como concelleira de Burela e parlamentaria autonómica pero quizais aínda non sexa moi coñecida polo electorado lucense. Está a centrar a súa campaña en darse máis a coñecer?

Iso mesmo se me achacaba cando fun ás primarias para ocupar a secretaría provincial do partido. Dicíanme que se era da Mariña, non me coñecerían en Lugo. Pero, xa daquela, eu tiña un traballo previo coas agrupacións e comarcas e coñezo os problemas de toda a provincia. Aínda que recoñezo que o labor dos deputados autonómicos non ten moita visibilidade nin nos medios nin na sociedade. Pero non vexo esa necesidade de darme a coñecer, non son tampouco novata na política. Tampouco vou eu soa ás eleccións, somos un equipo os que formamos a candidatura.

Como se lle ocurriu postularse para arreglar o fregado que había no socialismo lucense hai un ano, con varias disensións internas?

Xa me presentara no 2017 á secretaría provincial pero, ante a decisión de Álvaro Santos, de abrir outro proxecto de primarias, decidín dar o paso no 2019 tamén. Quería tranquilizar esas diferentes correntes, por así dicilo, que había no partido. O que tampouco é malo porque no partido, como nunha familia, todos temos opinións e catro ollos ven mellor que dous. O que hai que facer é falar cos compañeiros e escoitar porque temos un proxecto en común e o mesmo espazo. Debemos falar as discrepancias nos órganos internos e non dar esa imaxe nos medios. Non podemos desbancar ao PP da Xunta se temos estas loitas internas. Temos que remar todos na mesma liña.

Que diferenzas atopou no partido en 2017 e en 2019?

No 2019, non remabamos todos na mesma dirección. Por iso, decidín traballar para cambiar ese rumbo. Agora toca pilotar o proxecto e cando haxa outro proceso electoral, haberá unha rendición de contas.

Ve unha utopía que o PSdeG-PSOE gañe por maioría absoluta?

Non, é complicada a maioría absoluta pero nas eleccións xerais, en número de votos, estivemos por riba do PP. Tanto as enquisas como as utopías e os mantras están para rompelos. A esquerda está chamada a entenderse. A todos nos gustaría ter maiorías absolutas pero non podemos permitir que a esquerda en Galicia non se entenda.

MOI PERSOAL "Gustaríame ser capaz de contar ata dez antes de actuar, non saltar sempre á primeira"
Algo que sempre leve consigo.
Barras para pintar os beizos. Hoxe [este mércores] traio tres, pero meto no bolso as que me cadre. Gústanme moito as de cor vermella. Cando me despinto, ás veces tamén cambio de cor sempre que me vaia ben coa roupa que levo posta.

Barras de beizos.Vai moito á perruquería?
Iba máis antes. Agora, só para teñir, poñer mechas, cortar...

A tarefa doméstica que menos lle gusta facer.
Cociñar.

Utilitario, moto ou todoterreno?
Todoterreno.

Onde mandamos máis realmente as mulleres?
[Pensa bastante a resposta]. En todos os sitios.

Iso non vale! Especifique.
No traballo. 

Todas?
As que mandan, que son cada vez máis, mandan máis cós homes.

Man dura ou man esquerda?
Esquerda.

Auga ou viño con gasosa?
Viño con gasosa.

Ten tanta ambición como parece?
[Rise]. Non! Móvenme moitas cousas, si, pero non me considero unha persoa ambiciosa.

Non é unha muller, como se di, de rompe e rasga?
Non, para nada.

Se puidese mellorar o seu carácter, en que sería?
[Volve a pensar a resposta]. Quizais, en non saltar sempre á primeira de cambio.

Por que? Ten moi mal xenio?
Non, tampouco é que teña mal xenio. Como che diría? Necesitaría máis autocontrol? Tampouco é iso... Sería algo así como ser capaz de contar ata dez antes de actuar, quizais ter máis reflexión previa.

É vostede de ir ás rebaixas?
Si.

Gústalle ir de compras en xeral? É unha persoa consumista?
Si, gústame ir de compras.

Con que político non compartiría mesa e mantel?
Con ningún de Vox.

Sen negociación posible?
Non, nunca.

Patricia Otero: "Non vexo a necesidade de darme a coñecer, non son...
Comentarios