Os pasos de peóns elevados volven xerar controversia a pesar de cumprir a norma

Algúns condutores dubidan que algúns pasos elevados, como o que hai xunto ao colexio María Auxiliadora ou o da Volta da Viña, cumpran a normativa
Paso elevado na Avenida de Ramón Ferreiro. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Paso elevado na Avenida de Ramón Ferreiro. VICTORIA RODRÍGUEZ

A velocidade de circulación dos vehículos na cidade redúxose con medidas como a aplicación da limitación a 30 kilómetros —anticipada polos gobernos socialistas nalgunhas vías urbanas antes de que fose obrigatorio por lei— e coa construción de pasos de peóns elevados, pero o cambio ten tanto defensores como detractores.

Entre os últimos atópanse algúns cidadáns particulares e algúns condutores cuxo medio de traballo é o vehículo. Estes consideran que a redución da velocidade á que lles obrigan estas estruturas prexudícalles porque lles fai perder tempo ou lles causa danos nos coches e nas mercadorías. Hai condutores que dubidan incluso de que algúns pasos elevados, como o que hai xunto ao colexio María Auxiliadora ou o da Volta da Viña, cumpran a normativa, algo que o goberno local defende rotundamente. "Non hai ningún paso de peóns na cidade que non cumpra a lei", reitera o responsable municipal de Mobilidade, Rubén Arroxo.

Porén, a altura dalgúns pasos chámalles a atención incluso a persoas que están a favor de medidas que axuden a reducir a velocidade á que circulan os automóbiles. A explicación é que hai pasos que teñen condicións para que sexan atravesados a 50 kilómetros por hora, aínda que actualmente a velocidade máxima permitida pola Dirección Xeral de Tráfico é de 30, e outros que están preparados para circular a ese máximo de 30. Estes últimos son os situados a carón dos colexios María Auxiliadora e Illa Verde, o da Volta da Viña e o que hai nas inmediacións de Carrefour.

"Os que son para 50 kilómetros por hora non os notas se vas a 30, pasas como un tiro. Os de 30 se os pasas a 25 nótalos, pero o técnico municipal considerou que neses lugares son os indicados para calmar o tráfico", explica Arroxo.

O concelleiro amósase especialmente orgulloso do plan de calmado de tráfico que emprendeu a súa concellería no ano 2019. ·Creáronse pasos de peóns elevados en todos as contornas escolares da cidade e despois foise expandindo a medida ao resto da zona urbana ata chegar actualmente a máis de 50 zonas dun tráfico calmado e máis amable cos peóns·, destaca Arroxo. A acción non convence a todos por igual e hai condutores que din que se os repartidores de mercadorías pasan a 30 por algún deses pasos de peóns rómpenlles ata as botellas.

Comentarios