Un paso peonil comunicará desde este mércores Quiroga Ballesteros coa Praza da Soidade

En 15 días podería habilitarse o espazo de diante da porta da Praza de Abastos que dá a Santo Domingo
As obras de Quiroga Ballesteros. EP
photo_camera As obras de Quiroga Ballesteros. EP

O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, informou este martes dos avances nos traballos de peonalización de Quiroga Ballesteros e anunciou que este mércores se habilitará "un paso peonil seguro" para comunicar esta rúa coa Praza da Soidade. Dáse así resposta a unha das demandas dos comerciantes da zona.

Este paso habilitarase sobre unha zona na que xa están realizados todos os traballos de execución das diferentes instalacións, ademais do control arqueolóxico. "Mentres se continúen a executar os distintos traballos na contorna, habilitarase un paso peonil de formigón que contará con iluminación para aumentar a seguridade", explicou Rubén Arroxo. A iluminación a colocar será provisional mentres non se realice a instalación das luminarias definitivas.

Además, desde a concellería de Infraestruturas Urbanas indican que se está "traballando da man coa empresa adxudicataria da actuación para axilizar o máximo posible"  a apertura da zona peonil afectada polas obras. Así, nun prazo de 15 días podería habilitarse de novo o espazo diante da Praza de Abastos que dá a Santo Domingo.

O proxecto inclúe a renovación do saneamento, as instalacións eléctricas e o alumeado público, ademais da renovación de rexistros e o mobiliario urbano para a nova rúa peonil.  A obra foi adxudicada á empresa Ovisa Pavimentos y Obras, cun orzamento de 732.000 euros, e ten un prazo de execución de 10 meses. "No prazo dun ano a mobilidade no centro de Lugo terá como centro ás persoas coa conversión en áreas de paseo zonas tan emblemáticas como a Mosqueira ou Quiroga Ballesteros", Rubén Arroxo.

Comentarios