Baiuca: "Pasar cinco días sumerxidos na música ancestral de Palenque foi unha ledicia"

O artista de Catoira actúa este venres ás 21.00 na Horta do Seminario
Baiuca. EP
photo_camera Baiuca. EP

O FUTURO do pasado pasa polo futuro. É dicir, para que as novas xeracións aprendan a achegarse ás vellas —e ao revés—, o mellor é contalo a partir de canles comúns. É dicir: Alejandro Guillán.

Algo escoitei de que estaba a rodar algo. Pódese contar?

De momento aínda non se pode contar nada. Pero vamos, simplemente foi que estiven rodando un anuncio. Xa non é o primeiro que fai.

Está cómodo no mundo da publicidade?

Si, non me sinto mal. Cando te chaman para oportunidades está ben aproveitalas. Se algunha vez me sentise incómodo, non repetiría.

Non para.

Aínda acaba de chegar desa xira latinoamericana. Foi unha experiencia marabilllosa. O mellor recordo é o de Palenque. Foi o primerio pobo libre de escravos de América. Os escravos que vivían en Cartaxena rebeláronse e montaron unha comunidade a unha hora de alí. Manteñen gran parte dese legado africano que trouxeron os seus ancestros e musicalmente é unha pasada. Pasar cinco días sumerxidos nesa música foi unha ledicia.

Sinte moita carga emocional ao pisar un sitio cun pasado tan potente?

Sen dúbida. E tamén che fai reflexionar. Aínda que sexamos galegos, para eles somos españois e e fanche ver que se levantaron contra veciños ou xente que temos cerca. Tamén foi un exercicio explicar que o que pasou anos non ten nada que ver contigo só porque veñas da Península. E tamén falabamos que, dalgún xeito, Castela tamén veu a Galicia a invadirnos. Salvando as distancias, vivimos unha situación similar.

Esta experiencia coa música ancestral africana trasladarase aos seus novos sons?

O paso por Palenque foi para facer unha residencia artística e de aí sairá un pequeño traballo que estiven facendo con Mitú, xa que un dos integrantes, Franklin, é de Palenque. Tamén tivemos a sorte de estar con Estrellas del Caribe. Eu fun con Andrea Montero e Xosé Lois Romero. Vivimos unha mestura cultural moi bonita. Foi curioso porque amosámoslles unha tixola tocada cunha chave, ou un sacho, que son cousas que eles coñecen como untensilios de cociña ou traballo e foi moi chocante, non se imaxinaban que alguen puidera tocar con eso.

Sacou Embruxo hai pouco. Que cambiou desde Solpor?

Foi unha conexión con máis instrumentos orgánicos. Aproveitei esa relación que teño con Xosé Lois Romero e que me serviu para levar a miña música a outro nivel. ‘Solpor’ estaba plantexado rebuscando en discos, con samples de todo tipo... Aquí fomos ao estudio a gravar todo o que sona.

Neste refrito, no bo sentido da palabra, que emprega ao concebir a música, fai que aspectos tradicionais se acerquen ao público máis novo. É necesario para que renazca o vello pasalo pola tixola do novo?

Está ben que se busquen novas formas de facer música. Pero o tradicional é o tradicional. A xente non ten que pensar que por que facemos o que facemos, o outro xa vai desaparecer. Non hai destrución aí. É levar a música a outro público. Foi como na época grande do folk. Empezáronse a meter instrumentos que non eran galegos e iso non significaba que fose a desaparecer o resto. É unha interpretación que si, é certo que pode axudar á xente nova a que conecte con músicas que lembran a outras épocas e á que non chegarían.

Por que a un rapaz de 15 anos, se o seu avó lle pon ‘Campanera’ non lle gusta e se lla pon C. Tangana di: Vaia ritmo?

E que agora se a pon o avó seguro que lle mola porque xa pasou por ese proceso. Cando hai un proceso de entender que esa música pode estar máis cerca de ti, é cando a podes valorar. É algo que un aprende co tempo.

Como cando se lle obliga a un rapaz do instituto a ler O Quixote ou a Galdós. Xa chegará aos 30, ou aos 40 se quere! Fai que lea primeiro!

Si, sobre todo cando estas musicas novas fan referencias a cousas pasadas. Pasa moitas veces que ves unha película na que mencionan clásicos da literatura, ou do cine, e danche gañas de ler para ver e investigar de onde surxiu todo. Aquí pasa un pouco igual, ao final é un momento de sumerxirse e aproveitar o que hai nas redes para escoitar cousas difrentes e que non sexa todo o rato o mesmo.