Os párkings subterráneos de Lugo, baixo lupa

Os tres aparcadoiros subterráneos naceron rodeados de polémica polo destrozo do patrimonio arqueolóxico que supuxeron e cando van 36 anos en mans de Interparking, que os explotará outros 14, volven estar baixo o punto de mira. Algúns usuarios denuncian ata problemas de seguridade, que a empresa nega
Prazas de aparcamento. SEBAS SENANDE
photo_camera Prazas de aparcamento. SEBAS SENANDE

O Concello construíu nos anos oitenta tres aparcadoiros cos que buscaba dar servizos a unha cidade que no centro perdía poboación. Asumiu a obra unha empresa a cambio de explotar as instalacións durante 49 anos, aínda que tempo despois outra firma, Interparking, acabaríaa comprando e asumindo a concesión. Hoxe é unha multinacional con presenza en nove países e cuns setenta párkings só en España.

A xestión das instalacións estivo no punto de mira en distintas ocasións, como a época na que pechaban pola noite e algún condutor acabou durmindo de hotel por non poder sacar o coche, situación ante a que tivo que intervir o Concello. Dende hai anos, as queixas eran porque o tamaño das prazas —o propio dos oitenta— non se axustan ó dos coches actuais e non cumpren a normativa. Esta anomalía estase corrixindo, despois do acordo que o goberno de Lara Méndez alcanzou con Interparking para que repinte os espazos e de tres faga dous. A cambio, a empresa poderá explotar os aparcadoiros un ano máis, o máximo que permité a lei, ata 2036.

Esta mellora custaralle á empresa uns 500.000 euros, segundo asegura o seu delegado en Galicia, José Luis del Oro, pero dela non se beneficiarán os veciños que dispoñen de prazas en réxime de cesión. Son arredor dunha vintena en cada un dos aparcadoiros e algúns amósanse moi queixosos polo trato de Interparking e do Concello, responsable último das instalacións. Dende sempre síntense "maltratados" pola empresa e "abandonados" pola administración. Aseguran que nin resposta reciben ás queixas que lles trasladan —á empresa "ata por burofax"—, que van dende a falta de limpeza e de persoal ata de seguridade, como a ausencia de proteccións nas paredes, co risco que conleva rascar os coches debido a esa reducida dimensión das prazas, e a de extracción de fumes no aparcadoiro de Santo Domingo, denuncian.

Interparking asegura que as instalacións cumpren a lei respecto á extracción de fumes. SEBAS SENANDE
Interparking asegura que as instalacións cumpren a lei respecto á extracción de fumes. SEBAS SENANDE

"Hai oito anos que este sistema non funciona. Pódese comprobar observando a reixa que hai na praza de Santo Domingo. Por aí xa non se sente saír aire e o espazo está cheo de herbas e de lixo", asegura un cesionario de dúas prazas en Santo Domingo. Por cada unha delas pagou un millón de pesetas no seu momento e agora di que por non saber nin sabe se a ampliación da concesión a Interparking, que coñeceu polos medios de comunicación, lles afecta a usuarios coma el. Os estacionamentos cedidos están, recalca, no segundo soto, o máis incómodo. O habitual noutros párkings é que estean nas entradas.

A lista de agravios é longa: "Hai catro anos cagou un gato nunha das miñas prazas e ata que o excremento se desfixo aí estivo. Hai unha muller que limpa os baños e a oficina e do resto ocúpase de vez en cando un dos empregados cunha escoba e un recolledor. Ás veces non hai persoal, a barreira estropéase e a solución é calcar un botón e que un empregado che diga dende a central que achegues o tique ó sensor", lamenta. A gota que encheu o vaso foi que as prazas cedidas non van ser agrandadas. Os afectados senten que o Concello lle "permite todo" á empresa en prexuízo dos cidadáns de Lugo e do resto de condutores.

A administración autoriza o aumento de tarifas cada ano e aceptou incluír estes aparcadoiros na aplicación móbil que permitirá consultar a dispoñibilidade de prazas. Un servizo que, ao cabo, seralle útil aos condutores.

Interparking pode explotar as intalacións un ano máis do que estaba acordado por 170 prazas menos. SEBAS SENANDE
Interparking pode explotar as intalacións un ano máis do que estaba acordado por 170 prazas menos. SEBAS SENANDE

QUE DI INTERPARKING. A resposta que Interparking lle ofreceu a este xornal sobre todas estas queixas é a que lle deu hai semanas ao goberno local, despois de que este lle pedira explicacións polo malestar que lle trasladaron os afectados, primeiro directamente e despois a través de Cs. A empresa di que, ao seu ver, non hai ningún déficit nas instalacións. E moito menos relativo á extracción de fumes. Di que os párkings están suxeitos a revisións e a inspeccións periódicas nas que se certifica que todo está en regra.

A Cs, o goberno respondeulle que, ao ser unha concesión antiga, non hai un funcionario responsable de vixiar o cumprimento, aínda que de facto faino —asegurou a socialista Paula Alvarellos— o xefe de enxeñaría, área que depende do BNG. Os nacionalistas non explicaron se o Concello comprobou polos seus medios que a extracción de fumes funciona. Remitiron á alcaldesa, que foi quen renegociou a concesión.

O equipo de Lara Méndez asegura que "si se fan inspeccións, aínda que sexan visuais, sobre todo cando xorde algún problema, mándase para que miren", en palabras de Alvarellos. Sobre a controversia polas prazas cedidas, di que son acordos entre particulares e a empresa nos que o Concello non pode entrar.

Comentarios