Pancho Casal propón establecer un tren de proximidade para Lugo

O candidato de Marea Galegista sostén que a capital lucense é "a gran abandonada" pola Xunta

Pancho Casal, este mércores fronte a estación de Lugo. MAREA GALEGUISTA
photo_camera Pancho Casal, este mércores fronte a estación de Lugo. MAREA GALEGUISTA

O candidato de Marea Galeguista a presidente da Xunta, Pancho Casal, avogou por establecer un tren de proximidade para a cidade de Lugo nunha visita á estación de ferrocarril.

"Interconectar o territorio" é "decisivo" para o futuro de Galicia, segundo Casal, que estivo acompañado na súa visita polo cabeza de lista de Marea Galeguista por Lugo, Iván R. Lombardero, e pola número dous da candidatura Carmen Núñez, entre outros integrantes da formación política.

En declaracións aos medios de comunicación, destacou que a sustentabilidade é o "eixo transversal en toda a oferta política da Marea Galeguista" e por iso evocou iniciativas sobre mobilidade, por ser "unha parte moi importante das emisións de gases de efecto invernadoiro", causante do cambio climático.

Lombardero dixo, nese sentido, que Lugo é "a gran abandonada" polo Goberno autonómico galego, presidido por Alberto Núñez Feijóo.

Carmen Núñez: "A interconexión de Lugo con Ourense, con Compostela ou coa Coruña é máis importante que a conexión con Madrid"

Neste punto, ambos coincidiron en destacar outro dos eixos da campaña de Marea Galeguista, o "soberanismo cidadán", porque segundo explicou Casal, "fai trinta anos deberiamos poder decidir que o máis importante non era o Ave", en alusión ao trazado ferroviario de alta velocidade entre Madrid e Galicia, que está a piques de ser completado.

"Evidentemente, hai que ter unha boa conexión co resto do Estado e de Europa, pero o importante é interconectar o territorio, iso é decisivo", engadiu Casal.

Pola súa banda, Núñez insistiu en que a "interconexión de Lugo con Ourense, con Compostela ou coa Coruña" é para Marea Galeguista "máis importante que a conexión con Madrid".

Por iso, Casal precisou que agora que Galicia pode recibir uns dez millóns de euros dos fondos de reconstrución europea "é importante que ese diñeiro chegue tamén á mobilidade".

O líder de Marea Galeguista avogou por construír unha estación intermodal que permita "sacar a estación de autobuses do centro, que fai que todo o tráfico pesado estea a dar voltas pola Rolda da Muralla".

Marea Galeguista quere garantir á poboación que o Goberno autonómico "non mirará cara a Madrid, que mirará cara a Galicia, cara aos galegos e as galegas”, concluíu.

Comentarios