jueves. 02.07.2020 |
El tiempo
jueves. 02.07.2020
El tiempo

Óscar Rivas: "O risco de pandemias aumenta coa perda da biodiversidade"

Óscar Rivas. SEBAS SENANDE
Óscar Rivas. SEBAS SENANDE
Nos últimos anos foron frecuentes os saltos de virus de animais a humanos. Para Óscar Rivas, estes fenómenos non se poden entender illados, senón que responden a un contexto ecolóxico de destrución dos ecosistemas que pode xerar traxedias como a do Covid-19

A pandemia que sufrimos non é un fenómeno illado en termos ecolóxicos. Así o defende Óscar Rivas, veterinario que desenvolve o seu traballo con fauna salvaxe e presidente da rede estatal de custodia do territorio.

Cal é o contexto ecolóxico desta pandemia? Ten relación coa perda da biodiversidade?
Os humanos non podemos vivir nun ambiente libre de interaccións, somos parte do tecido da vida. A perda de biodiversidade produce desequilibrios que afectan á saúde. En ecoloxía fálase do ‘efecto de dilución’; nun ecosistema biodiverso os patóxenos diúlense na variedade das especies coas que interactúan. Ao minguar esa complexidade aumenta a posibilidade de pandemia.

Fenómenos que poden ser, agora, globais.
Nun mundo globalizado, aumentamos a carga sobre o planeta e facilitamos que os organismos vaian dun lado a outro, de forma consciente ou non. Por exemplo, cada ano aparecen en Lugo varias especies novas de réptiles. A meirande parte veñen como mercancía xunto á froita, e traen microorganismos asociados. A globalización explica que unha epidemia nada en China estea en todo o mundo.

Iso explica o trafego, pero con que contexto ecolóxico concreto está asociado o seu nacemento?
No nacemento non hai aínda acordo da comunidade científica. A presión que o home exerce en certos ecosistemas propicia contactos con outros animais, e provoca ese salto dun virus que afectaba a mamíferos filoxeneticamente semellantes. Esa presión explica que enfermidades que se crían controladas aparezan ou repunten, como a de Lyme, que transmiten as carrachas. Nese caso, o cambio climático favorece a proliferación, pero tamén o cambio no manexo dos ecosistemas, que fai que proliferen especies portadoras de carrachas que poden parasitar tamén aos humanos.

É o Covid-19 unha zoonose?
Unha enfermidade zoonótica é compartida entre humanos e animais. O moquillo dos cans é específico deles. A tuberculose, sen embargo, súfrena animais e os humanos, hai contaxio mutuo, e os animais son reservorios. De forma estrita, o Covid-19 non o é, porque os animais non teñen ningunha función na súa transmisión. Pero como os coronavirus son virus con variantes moi cercanas compartidas con diferentes especies, fálase de zoonose de forma xenérica.

Sen embargo, ese salto si que se deu nalgún momento.
Si, aínda non está claro cal foi o animal. Fálase do pangolín, ou dos morcegos, e sábese que hai coronavirus que afectan aos morcegos. O risco dese salto existe. Pero o que non ten sentido é culpabilizar a ningunha especie da pandemia actual. Matar colonias enteiras de morcegos de xeito preventivo, como fixeron estes días en China ou Perú, non está xustificado. Non está claro que teñan papel ningún na transmisión. Se como parte do tecido vital matamos o que nos pode ameazar, creamos problemas maiores. Se eliminamos os morcegos, deixamos de controlar moitos insectos e as enfermidades que transmiten. O remedio sería peor cá enfermidade. Os cambios na natureza non son inocuos. A saúde dos ecosistemas é a nosa saúde.

Investigadores chegaron a falar da influencia da contaminación na mortalidade por coronavirus.
A contaminacion da biosfera inflúenos con sustancias que causan desequilibrios hormonais, que poden aumentar a taxa de tumores ou causar danos en distintos órganos. Isto debilita o noso sistema inmunolóxico e actúa de forma sinérxica cos microorganismos.

Vimos xa varios virus novos relacionados coa intensificación gandeira. Que relación existe?
A intensificación agraria e gandeira faise a costa da destrución dos hábitats naturais. Na gandería intensiva, concentrar moitos animais en pouco espazo xera problemas sanitarios. Cando unha especie prolifera é máis doado que aparezan estes procesos de enfermidade. Por exemplo, se a poboación de herbívoros medra moito sobre un pasto, este degrádase e a alimentación tórnase deficiente, afectando á condición física dos animais. Nese momento será máis doado que proliferen axentes infecciosos. Nunha granxa non se dá a falta de alimento, pero teñen outros problemas como a falta de mobilidade, ou o impacto dos agroquímicos. Isto agora semellou pasar a segundo plano, pero o sistema agroalimentario que temos é un risco para o ser humano e para a biodiversidade.

O Sars asociouse ás civetas. O Covid-19 aos pangolíns ou morcegos. Nestes casos, o contexto de contacto serían mercados de animais salvaxes.
Os mercados de especies sen control son un risco. China xa os prohibiu. A caza, moi asentada noutros continentes, ten riscos. Aquí tamén os ten consumir xabaríns sen análise, pero nos outros casos o risco é maior, polo número de especies e as súas condicións. Debemos evitar, sen embargo, emitir un xuízo ético dende aquí.

Óscar Rivas: "O risco de pandemias aumenta coa perda da...
Comentarios