Máis de medio cento de artistas participaron na cabalgata dos Reis Magos en Lugo

A viaxe dun soño foi o título baixo o que a área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua organizou a cabalgata de Reis Magos de Lugo, na que participaron 53 artistas, xunto con 24 persoas voluntarias, nenos e nenas dando corpo a un total de 8 espectáculos tiveron lugar durante o percorrido.

A cabalgata saíu ás 18 horas do parque da Milagrosa, continuando pola rúa Monte Faro e a avenida da Coruña ata a Porta de San Fernando, onde entrou ao recinto amurallado para continuar pola praza de Ferrol e a rúa Bolaño Ribadeneira ata Quiroga Ballesteros. O percorrido continuou pola praza de Santo Domingo e a rúa da Raíña ata chegar á Praza Maior ás 19:30.

Somos Unidas contra o Cancro estivo presente cunha das carrozas da cabalgata, que durante todo o percorrido contou tamén coa escolta de 16 axentes da policía local, xunto con 14 efectivos de Protección Civil, unha dotación de bombeiros cunha autobomba e persoal sanitario da Cruz Vermella.

A cabalgata estivo formada por varios espectáculos precedendo ás carrozas. A danza das estrelas, un baile de luz e de cor foi a encargada de guiar á cabalgata no seu percorrido. Xunto con ela, estivo A Bola Máxica, un espectáculo de acrobacias e circo futurista arredor dunha gran bola máxica. As cartas reais, un espectáculo de cartas danzarinas, foron as encargadas de transmitir aos reis os desexos e ilusións dos nenos e nenas. Acompañáronas as Carteiras de Xeo. Uns divertidos vehículos, os Velocípedes, fixeron as ledicias de todos os presentes mentres que o reino dos paxaros achegouse a esta cabalgata voando e penicando nas cabezas de todas as crianzas coa danza do Reino dos Paxaros.

Uns triciclos Pierrots e agasallos xogaron e interactuaron coa xente, mentres que 6 pompeiras e un zancudo desfilaron coa cabalgata enchendo de burbullas a atmosfera ao seu redor. Por último, 6 medusas luminescentes viñeron á cabalgata de Lugo desde as profundidades do mar. Durante o percorrido, os heraldos foron os encargados de repartir os caramelos entre as persoas presentes.

Comentarios