Os figurantes do cásting en Lugo de 'La sombra de la ley', ilusionados

A película de Dani de la Torre está ambientada no anos vinte, require xente de pel branca para facer os papeis de clase alta e morena, para as baixas
Tres das persoas que acudiron ao cásting
photo_camera Tres das persoas que acudiron ao cásting

O Círculo das Artes de Lugo acolleu este mércores un cásting de figurantes para La sombra de la ley, do director monfortino Dani de la Torre. O director da selección de figurantes para este filme en Galicia, Marcos Vázquez, recourdou que "estamos buscando algo moi concreto, pois seguimos os criterios estéticos dos anos 20". Neste senso, especificou que "iso quere dicir que as persoas que teñan a pel máis branca serían a xente de clase media-alta e os de pel máis morena pertencerían ás clases máis baixas. Tamén temos en conta o aspecto, pois daquela os homes levaban o bigote bastante poboado; polo tanto, estamos pedíndolles que o deixen medrar xunto coa barba para logo nós retocar". En canto ao perfil das mulleres, afirmou que precisan de dispoñibilidade para facerlles un corte de pelo, "xa que foi nos 20 cando o xénero feminino comezou a deixalo curto e a peitealo ao estilo 'ondas de auga'".

Vázquez destacou que os motivos máis frecuentes que incitan á xente para acudir a estas seleccións de figurantes "poden ser o interese por traballar e estar dado de alta uns días, mais eu penso que a maioría acude para ter a opción de vivir a experiencia dunha rodaxe coma esta". Deste xeito, di que seguirán a buscar nos vindeiros días persoas que saiban tocar instrumentos e tamén alguén con ananismo. Polo que recorda que, de non poderen acudir o mércores teñen a opción xunto ao resto de perfiles, poden enviar os seus datos ao enderezo [email protected].

Por outra banda, entre as persoas que se reuniron onte no Círculo das Artes para probar sorte no mundo da interpretación, estiveron Alba e Javier, uns rapaces de 17 e 19 anos, que se decidiron a ir ao cásting coa idea de "facer o primeiro traballo audiovisual e coller experiencia nesta área". 

Tamén participou na selección Inmanol Corredoira, un home de 27 anos que estuda Dereito e di ter moito interese polo mundo do cine. Sen embargo, Bruno, quen acaba de rematar enxeñería, sinalou como única fonte de motivación a idea de "gañar un pouco de diñeiro".

Lucía e Pablo, de 16 e 17 anos, destacaron que para eles "facer un cásting en Lugo é unha novidade", mais que o que desexan é "probar cousas novas e apoiar a cultura na cidade".

O monitor deportivo Juan Somoza, de 44 anos, dixo ver na selección "unha oportunidade para coñcecer por dentro o cine". De acordo con el estivo Sofía, unha monitora de pilates e fitness de 37 anos de idade, quen afirmou estar impulsada pola idea de ver como funciona unha rodaxe. Sen embargo, polo de agora, os participantes terán que agardar uns días para saber se pasan ao outro lado da pantalla e coñecer de preto esa fábrica de soños que é o cine.

La sombra de la ley é un filme centrado no ano 1921, o cal envolve unha trama convulsa de violencia entre matóns e anarquistas. Aníbal Uriarte, un policía destinado a Barcelona, entrará en contacto co mundo ácrata e tamén con esa sociedade de negocios turbios e escuros. A película será rodada entre Barcelona e Galicia.

Esta nova produción de Dani de la Torre sucédese despois do éxito de O descoñecido, obra que foi recoñecida pola Academia de Cine Galego nos Premios Mestre Mateo 2015 e tamén nos Goya, ao acadar dous galardóns ao mellor montaxe e sonido.

Comentarios