"Hai que saber se se quere un concerto con moita xente ou sete con menos"

O San Froilán rematou, aínda que o feiral estará aberto aínda este sábado, e a súa responsable política, a nacionalista Maite Ferreiro, non pode estar máis satisfeita co resultado, aínda que recoñece que o exceso de calor puido afastar xente da festa nas horas centrais do día. Defende, ademais, un modelo de concertos que na rúa se cuestiona
Maite Ferreiro. XESÚS PONTE
photo_camera A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro. XESÚS PONTE

Acaba o San Froilán e empeza a chover. Fixeran un trato?
Xa o ano pasado fora así. Falamos con Pemán, certamente, e arranxamos ben. Pero agora tamén é necesario que empece a chover e veña o tempo de outono.

Cal é o seu balance das festas?
A valoración é moi positiva. Son unhas festas que se viven na rúa. Se hai que sinalar algo malo creo que sería o excesivo valor nas horas centrais do día, que fixo que algunha xente non saíra ata a noite. Pero creo que foron unhas boas festas, que se notou no comercio do centro e que houbo un número importante de xente de fóra.

Non cre que nesa fuxida da cidade tamén puido influír un porgrama moi amplo pero con poucas novidades, con pouco aliciente?
Creo que non é así. Coñezo persoas que foron á praia pero á noite estaba nos concertos. Creo que aliciente sí que tiña. O ano pasado incorporamos actividades que este ano vimos que están consolidadas, como a Feira do Mel ou a de olería en Quiroga Ballesteros, o que tamén supuxo ampliar espazos de festa. Ou o espectáculo de humor na Mosqueira.

Foron unhas boas festas, notouse no comercio e houbo un número importante de xente de fóra

Os monólogos de humor non son moi propios do San Froilán nin en xeral de festas patronais. Como chegan a pensar en algo así e por que cre que funciona tan ben?
Recibimos propostas que consideramos axeitadas. Cando hai que innovar sempre hai que arriscar algo e a resposta foi unha sorpresa. Estamos nun momento no que tamén se necesita un pouco de risa, esquecer eses momentos económicamente difíciles. E o último día é estupendo para deixar un bo sabor de boca.

As queixas por falta de concertos de artistas con máis tirón medran. Tan convencidos están de que a fórmula actual é a boa?
Houbo concertos para todas as idades e gustos. Algúns critícanos sen ter estado alí. O que diferencia o San Froilán é que é unha festa onde a xente sae á rúa e atopa cousas moi distintas.

E iso non é compatible con ese outro tipo de concertos, que si había antes e segue a haber noutras cidades, incluso máis pequenas?
É que logo temos os orzamentos que temos. E hai grupos que non actúan se non é con entrada de pago. Houbo concertos moi variados e moita xente en todos e o mellor é que saíu contenta. Eu tamén me cuestiono se o sector da hostalería pode atender esa masificación que habería, hai bares que agotaron a bebida, podería ser incluso negativa para disfrutar das festas. Queremos un día de moita xente ou sete días con menos xente?

En Santa María lévanse facendo concertos moito tempo e só hai queixas en determinados anos

O orzamento do San Froilán é o que é entre outras razóns porque agora se destina diñeiro a outros eventos musicais, como o Caudal Fest. Debe revisarse iso?
Son actividades totalmente diferentes. Quen vén ao San Froilán ao mellor non vai ao Caudal Fest, e ao revés. Imos ver que orzamentos temos en 2024, dende logo a min gustaríame ter máis pero tampouco con moito máis teñen que ser unhas festas mellores. 

Houbo dificultades con algúns contratos, como os dos escenarios, e ao final imos pagar máis a unha empresa desas que se di que son afíns ao BNG. Vai ter razón a oposición nalgunha crítica?
Para a oposición é afín todo o que vén a Lugo, os grupos, as empresas... Quedou deserto un lote e contratouse directamente a unha empresa que traballa en todo tipo de actividades e con calidade, como outras que obtiveron contratos.

Meteulle un gol á oposición facéndolle crer que aceptaban a súa proposta de pregoeira cando xa llo ofreceran vostedes antes, o que acabou provocando que o PP deixara a comisión de festas?
O ano pasado tamén se marchara. Coincidimos nunha proposta que nos pareceu interesante. Eu non llo ofrecera antes senón que lle falara desa posibilidade.

Trasladoulle queixas o bispado polos concertos en Santa María?
Aquí non chegou nada. Só sei o que lin na prensa. Pode ter a súa razón, pero nun estado aconfesional non vai prevalecer que se apodere das festas patronais dicíndonos que tipo de música imos programar e en que horas. Aí lévanse facendo concertos ao longo da historia, pero parece que só en determinados anos provocan esa reacción. Tamén as procesión ocupan espazo público.

Ten noticias do novo auditorio? Sabe cando lle van dar as chaves? Que plan ten para el?
Ningunha. Non me preocupa dende o punto de vista da programación, pero igual pode atraer a Lugo outro tipo de actividades que lle dean visibilidade. Preocúpame que vai haber que destinar orzamento ao edifcio e iso vai repercutir na actividade cultural. Penso que cuestiona se a cidade necesita edificos tan grandes.

Comentarios