Comeza a semana do Orgullo en Lugo co izado da bandeira

 A Deputación de Lugo e o Concello ofrecen distintas actividades

A deputada provincial de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, a Concelleira de Igualdade, Ana González Abelleira, e representantes de Arelas e Alas participaron este luns na Praza de San Marcos no inicio das actividades da Semana do Orgullo LGTBIQA+. Trátase da ampla programación que Deputación e Concello de Lugo, coa colaboración destes dous colectivos lucenses, promoven na provincia con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ que terá lugar o vindeiro mércores.

Executivo Provincial e o Concello de Lugo ofrecen distintas actividades, totalmente gratuítas e para todos os públicos.

Moito por facer

O portavoz do colectivo LGTBI de Lugo e presidente de Alas, Marcos Fernández Trigo, alertou de "ataques homófonos", en a provincia, pero "que non se chegan a denunciar".

Así o manifestou antes do izado da bandeira do orgullo na casa consistorial de Lugo e tras a lectura dun manifesto da devandita  asociación a favor da "diversidade".

Fernández Trigo manifestou que non se producen as denuncias "por poder ser sinalados e identificados e ter que chegar a un xuízo e que demostrar unha agresión homófoba ou unha agresión LGTBIfóbica, que é moi complicado á hora de poder demostrala".

No ámbito nacional, destacou, "hai constancia de que houbo un aumento en agresións nunha porcentaxe moi alta, en Lugo tamén pero en Lugo non se chegaron a denunciar". "Está a haber moitas agresións alcolectivo, sobre todo a gais, lesbianas, transexuais porque o resto de colectivos como bisexuais non é tan visible en canto á súa orientación sexual", denunciou.

Previamente, informou da manifestación do orgullo, o xoves 28 de xuño, con saída do edficio do Vello Cárcere, na Praza da Constitución, para percorrer distintas rúas do centro da cidade.

A programación
O martes 26 de xuño ás 19:30 horas no Pazo de San Marcos, terá lugar a presentación do libro 22 segundos, de Eva Mejuto. A continuación, haberá unha mesa redonda na que participarán a presidenta de Arelas, Cristina Palacios, e Pablo San José, o primeiro menor trans en lograr o cambio legal de nome e sexo en Galicia. 

mércores 27 de xuño de 18:00 horas a 20:00 horas, nos xardíns do Museo Provincial, celebrarase un obradoiro sobre diversidade sexual e photocall dirixido a familias e organizados pola Rede Museística da Deputación. Neste obradoiro, no que intervirán a xerente da Rede Museística, Encarna Lago, e o director dos Museos Berazategui de Bos Aires, Leonardo Casado, traballarase, sobre todo, o concepto de identidade. Ás 20:00 horas, a escritora lucense María Reimóndez estará na Praza da Soidade para amenizar un espazo de Contacontos diversxs.

O xoves 28 de xuño ás 19:00 horas, o membro da Selección Nacional de Waterpolo Víctor Gutiérrez participará nun faladoiro titulado ‘Deporte profesional sen armarios. Dificultades e consecuencias. Será na Sala do Vello Cárcere. Ás 20:30 horas,  o bailarín e coreógrafo lugués Juan Carlos Zahera será o encargado de ler o pregón no patio do Vello Cárcere. Ás 21:00 horas, sairá do patio do Vello Cárcere a manifestación do Orgullo HOLI-COLOR pola diversidade. Continuará o percorrido por Campo Castelo, rúa San Pedro, rúa Doutor Castro, Praza de Armañán, rúa Nova, rúa Bispo Basulto, Praza de Santa María, e remata no Templete da Praza Maior, onde se lanzarán os polvos coas cores da bandeira LGTBI. Para participar, recoméndase levar roupa cómoda e unha camiseta branca.

 O venres 29 de xuño, no fondo da Praza Maior, baixo o lema Baile pola diversidade con orgullo, haberá unha exhibición e Masterclass de baile da man da Academia Star Dance, ás 20:30 horas. Se chovese, o espectáculo trasladaríase ao Mercado Municipal.

O sábado 30 de xuño, desde as 17:00 horas haberá na Praza da Soidade un mercado solidario de entidades LGTBIQA+ e colectivos feministas. Os actos conmemorativos clausuraranse, tamén na Praza da Soidade, co concerto Son, sinto, vivo¡¡, que comezará ás 20:00 horas e estará presentado pola Señora Paca, que tamén interpretará unha peza. A noite musical continuará coas actuacións do grupo ourensano de Soul e Jazz Canela Cafuné, o grupo Las Supremas de Lugo e Tanxugueiras.

Dentro da programación de actividades para a semana do Orgullo LGTBIQA+ 2018, o Museo Provincial do Mar ofrece o obradoiro Diversxs dirixido a nenos de entre 4 e 14 anos. Terá lugar o sábado 30 de xuño de 11:30 a 13:00 horas.