Olga Louzao: "Sempre fixen a política que me gustou, se houbo imposicións non lles fixen caso"

A voceira de Cs no Concello de Lugo asegura que hai tempo que decidira deixar a portavocía do partido en Galicia

Olga Louzao. LAVANDEIRA JR
photo_camera Olga Louzao. LAVANDEIRA JR

Hai tempo que decidira deixar a portavocía de Cs, pero anunciouno o día en que a dirección nacional destituíu á de Ourense. Xura e perxura que foi casualidade e di que está "moi a gusto" en Cs, pero non esconde que lle gustaría que algunhas cousas foran distintas.

Abandona a portavocía o día no que estala a crise de Ourense. É difícil non facer lecturas.
Non foi máis que casualidade. Xa o tiña que ter feito, non me din conta do de Ourense, mandei a carta a tres persoas e chegou a Madrid, a El Mundo, e foi cando o fixen público.

A actuación de Ourense, sumada a outras, como a marcha de militantes en Pontevedra, parécese moito a unha purga.
Non. Despois de cada proceso sempre hai problemas. Descoñezo o que aconteceu en Ourense porque xa presentara a miña renuncia cando o vin. Alí cambiárase a xunta directiva porque o coordinador dimitira, e só coinciden con eles unha vez. Se alí hai un problema vano ter que dirimir. Para esas situacións hai un comité de garatías. En Pontevedra, o comité autonómico propuxera a María Rey como candidata, pero a executiva nacional ratifica ou modifica e cambiouna. En todos os partidos hai entradas e saídas. A vantaxe dos que estamos en Cs é que non vivimos só da política e iso dános moita liberdade para entrar e saír cando non compartimos algo ou a vida profesional nolo impide.

Cal é so seu caso?
Eu estou moi a gusto en Cs, pero moi cansa. Foron cinco anos moi duros, de poñer a andar o partido dende a nada, de viaxar moito... Agora deben remar outros. E por coherencia. Comprometinme con Lugo, os cidadáns quixeron que estivera na oposición e alí estarei.

Pero suponse que iso non cambiou respecto a 2015. Tamén daquela se comprometía con Lugo.
O momento do partido é distinto. Agora está máis consolidado. E non quereo que se pense en min para outros postos. Apostei por Lugo, teño a miña vida, a miña familia e o meu traballo aquí. Estou moi agradecida polo respecto e o apoio que me están mostrando os compañeiros. E se o día de mañá me necesitan para algo, pois seguramente direi que si.

"Cs recoñece as singularidades dos territorios, pero non se sabe explicar, e o de Vox comunícao fatal"

Decepcionárona os resultados das municipais en Lugo e en Galicia?
Puideron ser mellores, está claro, pero non só en Galicia. E non me parece xusto que se nos compare con partidos que levan 40 anos gobernando.

Hai quen pensa que non acaba de atoparse cómoda en Cs. Cre, por exemplo, que o partido recoñece as singularidades dos distintos territorios, que non hai unha soa España?
Si, pero non se saben explicar. A min nunca me dixeron nada do galego. Pero do mesmo xeito que creo que o galego forma parte da nosa identidade, creo que Galicia non pode ser unha fronteira. Sempre fixen a política que me gustaba para a miña cidade, non sentín imposicións, e se as houbo non lles fixen moito caso. Creo que me deu personalidade política.

Tamén hai quen cre o contrario, que é máis de Cs do que quere parecer. Estivo en Colón.
Si, pero non estiven na foto. Estiven porque tamén comparto iso [na manifestación, PP, Cs e Vox pedían adianto electoral e rexeitaban o que consideraban cesións de Pedro Sánchez ao independentismo].

Porén, semella que con Vox ou cos fichaxes mediáticos ou procedentes doutros partidos non se sinte moi cómoda.
Que te sintas máis ou menos cómoda non implica que deixes de crer no proxecto político. O que me parece é que o de Vox se está comunicando fatal. Pero hai uns días eu vin unhas declaracións de Aguado moi duras con Vox.

O que sucede é que as declaracións non acompañan os feitos. Aí están os acordos entre os partidos.
Podo compartir menos iso. Pero tampouco o comparto con Podemos ou con Pedro Sánchez, e votei moitas veces o PSOE, pero este non é o mesmo PSOE. Pero insisto, estou moi a gusto en Cs, e se algún día chega a gobernar creo que vai facer un gran traballo. Que haxa voces críticas é o que nos fai un partido grande. Se algún día me marcho terei motivos, e non me marcharei facendo ruído. Que me gustaría que algunhas cousas se fixeran doutra maneira?

Que lle gustaría que fora distinto?
Pois creo que en Galicia o partido debe ter unha estrutura máis forte, aproveitar o tempo, porque hai unhas eleccións ás portas. Creo que é momento de facelo.

Segue no consello xeral de Cs e rexeita investir a Sánchez.
Si, e nisto fastídiame que non teñamos memoria. Cs fai o que fixo Sánchez no seu día con Rajoy, cando dicía o non é non. Pero é que, ademais, Sánchez non ofrece nada a ninguén, pide a abstención e xa está. Tería que sentarse nunha mesa de negociación polo menos.

Algo ao que Cs se nega.
É que Cs é o unico que dixo o que ía facer antes das eleccións. O PP non dixo nada, que se absteña el.

Comentarios