Sábado. 22.09.2018 |
El tiempo
Sábado. 22.09.2018
El tiempo

Obituario: Lugo despide este mércores a Rosaría María Vallejo González, falecida en Madrid aos 49 anos

Rosa Vallejo. AEP
Rosa Vallejo. AEP

Ás seis e media da tarde deste 18 de abril celébrase o funeral na parroquia do Bo Pastor. A incineración foi na intimidade familiar. Xulio Pardo de Neyra traza aquí a semblanza "dunha alma especial"

Xa dicía Rilke que a verdadeira patria da persoa é a infancia. Nela, nesta, na miña propia infancia, habita e habitará Rosiña. Rosa Vallejo. Unha nena viva, alegre, pacífica, serena e chea de enerxía. Desa enerxía que, malia non impedir que o seu corpo puidese seguir a transitar polo espazo no que aínda estamos, nunca vai abandonar as nosas vidas. Porque mentres sigamos a vivir, mentres sigamos a loitar e a padecer os rigores dunha existencia nunca fácil para ningunha persoa, os e as que coñecimos Rosiña contaremos co seu percurso exemplar. Indubidabelmente, o periplo vital de toda persoa é unha custosa e espiñenta viaxe que se basea na loita e na resistencia. E Rosa, a Rosiña, loitou con resistencia até que o seu organismo non quixo estar á altura da súa firmeza espiritual. Iso, en definitiva, é o consolo que nos fica aos e ás que gozamos da súa amizade sincera.

Foi un quince de abril. Poucas horas despois de que n’A Ulloa, país que determinou a forza e a valentía daqueles homes e daquelas mulleres Ouros das e dos que Rosa Vallejo propiamente derivaba, soase novamente o Himno á Galicia republicana do maestro Freire Penelas. Boa parte dos e das asistentes aos actos que alí se desenvolveron en homenaxe daquel clan tan especial lembramos Rosa e os seus delicados e especialísimos momentos finais. E sempre coa clareza e a alegría coas que ela propia desexaría que o fixesemos.

Enliadas e felicidade inmensa é o que levo dun monte de anos partillados nun espazo simbólico como o do Colexio Fingoi. Un vestido floreado co que o sorriso dunha nena semellaba acalmar o balbordo dun grupo extremadamente vital: un sorriso da aurora, que diría Correa Calderón. Fican, pois, amais dese sorriso, os ollos sempre medicinais daquela nena, rapariga e muller que nunca deixou de ser a imaxe da forza máis intensa da persoa. Seriedade, compromiso, firmeza e agarimo son os vocábulos cos que debemos falar de Rosiña Vallejo. Un bálsamo, agora cheo de bágoas, que nos permitirá seguir a transitar coa calma coa que ela o fixo.

Rosa. Rosiña. O brillo dunha alma especial que nunca, ninguén, nos vai arrebatar. Desde a mágoa, mais co firme compromiso de lembrar que non te fuches, que estás en nós, que estás con nós e que estás, como adoito facías, fas e farás, escoitando e acalmando, sorrindo, ollando, bicándonos o espírito. Non te fuches, Rosiña, simplemente apartir de agora teremos de comunicármonos contigo doutra forma, doutra maneira, desa forma e maneira que nos determinou desde aquela afastada infancia: o recordo, o amor, a paciencia e a aceptación pola realidade máis propiamente humana. Rosa, Rosiña, vai tranquila, embora, a onde quer que se te chamase. Porque, e sábelo, non te deixaremos ir nunca fóra de nós.


 

Obituario: Lugo despide este mércores a Rosaría María Vallejo...
Comentarios