El singular pianista Ivo Pogorelich será la estrella de la Semana do Corpus de Lugo

O certame, que terá lugar do 22 de maio ao 10 de xuño, contará co intérprete serbio. O Festival de Música de Órgano do Corpus Christi celebrarase de xeito paralelo
Ivo Pogorelich.
photo_camera Ivo Pogorelich.

O ámbito da música clásica parece un lago dos cisnes aos profanos, pero ás veces padece galernas. O tribunal que valoraba no ano 1980 os aspirantes ao premio Chopin, un dos máis antigos e prestixiosos do mundo, asistiu impactado ao abandono dunha dos seus integrantes, irritada porque Ivo Pogorelich non resultase gañador. «El é un xenio e os outros son unicamente pianistas!, protestou irada.

Pogorelich estará o vindeiro día 29 de maio no Círculo de las Artes de Lugo como estrela da Semana do Corpus da cidade, que se prolongará dende o 22 de maio ata o 12 de xuño. O director musical da Semana, José Luis Díaz, cualificou este pianista como «a derradeira referencia da grande escola rusa» para logo advertir de que, «en realidade, non é ruso, senón serbio; aínda que el se declara croata e ten unha fundación en Saraievo».

Esa singularidade marca unha confianza en si mesmo que o levou a casar cunha pianista 22 anos maior ca el ou a enfrontarse en 1984 a Karl von Karajan acusándoo de «ruína artística» por negarse a ensaiar un concerto que habían de dar xuntos.

Esa estima por si mesmo, que chega a altanería, empapuza tamén o seu xeito «personalísimo de interpretar», que provoca «odios e paixóns» sen matices. Os afeccionados lucenses poderán comprobalo cun programa con obras de Liszt, Schumann, Brahms e Stravisnky.

Concertos

O certame, tamén coñecido como Festival de Música Cidade de Lugo, estará integrado por dez concertos e polo espectáculo de danza ‘O Principiño’, que fará o alumnado do conservatorio lucense. A concellería de cultura, que dirixe Carmen Basadre, é a promotora deste festival en colaboración coa Deputación, representada no acto informativo de onte por Regina Polín.

José Luis Díaz anunciou que o concerto inaugural será protagonizado polo «único músico español de todos os tempos que forma parte da Orquestra Sinfónica de Nova York», o clarinetista Pascual Martínez. Estará acompañado pola Real Filharmonía de Galicia, que dirixirá Carlos Domínguez, un madrileño que traballa en Alemaña.

A soprano María Espada, «experta en barroco», comentou Díaz, cantará o día 25 de maio cun programa de arias que escribiu Haendel para Anna Maria Strada del Pò, «que foi a primeira soprano» nun tempo en que dominaban os castrati.

Este ano cúmprese medio século do regreso de Jesús Bal y Gay a España dende o exilio. Con ese gallo, o guitarrista Samuel Diz tocará pezas súas e da súa muller, Rosita G. Ascot, o día 27 de maio.

Tres días despois actuarán o Cuarteto Skirion e máis La Bellemont, con pezas de Couperin.

‘A Música na Rúa’ é unha actividade que responde ao intento dos organizadores para achegarlle o festival á xente. Alumnado do conservatorio e das escolas de música tocarán un piano instalado nun lugar público.

O grupo Sólo Voces e a Banda Filharmónica de Lugo actuarán xuntos o día 31 de maio, un día antes de que Hiro Kurosaki -«un dos violinistas barrocos máis reputados», na opinión do director musical da Semana do Corpus- faga o propio á fronte da formación La Ritirata, cun programa de tríos de corda de Boccherini.

Galicia volverá tener protagonismo co barítono de Ortigueira Borja Quiza, que está actuando por todo o sur de Europa e preparou un recital de ópera e zarzuela para o día 2 de xuño.

O peche da Semana propiamente dita, previsto para o 10 de xuño, pretende ser «atractivo para un público non habitual», ao escollerse un repertorio de Beethoven. O encargado de dar o concerto será o violinista francés David Grimal á fronte da Orquestra Gaos.

Catedral

Paralelamente, e en coordenación coa Semana do Corpus, celebrarase o segundo Festival de Órgano do Corpus Christil. Serán catro actuacións na catedral, en San Pedro e A Nova; segundo explicou o director do Centro Eucarístico Lucense, José Antonio Ferreiro.

Este certame empezará o día 5 de xuño con Lindy Rosborg e seguirá o día 8 cun concerto do eslovaco Stanislav Surin.

O Cuarteto Cadencia de Lugo participará no recital do día 11 de xuño xunto co organista italiano Giulio Mercati e a soprano Lidia Basteretxea.

O día 12 de xuño acabarán os dous ciclos de música clásica en Lugo cun concerto do alemán Stefan Kagl.

Comentarios