O PP de Lugo pide becas para o comedor escolar mentres os prezos non se adapten ás rendas

O goberno sostén que o Concello xa apoia as familias con dificultades económicas a través das liñas de axuda social

O PP defenderá no próximo pleno municipal unha moción para que o Concello estableza becas para o comedor escolar mentres non implanta tarifas progresivas, en función das rendas das familias.

"Non ten sentido aplicar tarifas liñais pola prestación do servizo do comedor escolar sen ter en conta os recursos das familias que as solicitan, así como as súas características específicas", afirma a concelleira Mari Teijeiro, que comparte a demanda con outros grupos da oposición, como Ace-EU, o primeiro en pedir progresividade fiscal.

O pleno aprobou recentemente a ordenanza que rexirá o funcionamento dos comedores escolares dos colexios públicos da cidade que non dependen da Xunta. Cos votos a favor do PSOE e a abstención da oposición, estableceuse unha tasa de 3,60 euros diarios, máis Iva, para os alumnos que usen o servicio de comedor todo o mes e 4,60, máis Iva, para os que o fagan esporadicamente.

O PP cre que esta fórmula supón unha discriminación, ao tratar do mesmo xeito aos usuarios de menor poder adquisitivo e que poderían ter dificultades para facer fronte ao gasto de comedor. Por esa razón, insta ao goberno municipal a que modifique a ordenanza e fixe prezos en función das rendas e doutras particularidades das familias, como sucede no caso dos comedores da Xunta.

Como a marxe de tempo para facer o cambio é pouca, propón que mentres tanto se cree unha liña de axudas para o comedor de cara ao vindeiro curso. Teijeiro lembra que esta proposta formaba parte do pacto contra a pobreza aprobado pola corporación a instancias do PP e que tamén se debateu na comisión de benestar por iniciativa popular.

O goberno sostén que o Concello xa apoia as familias con dificultades económicas a través das liñas de axuda social que ten a administración local.

Comentarios