O poder das palabras

Manuel Maseda volve participar no campionato mundial de debate

Manuel Maseda, no parque de Rosalía de Castro PEPE TEJERO
photo_camera Manuel Maseda, no parque de Rosalía de Castro. PEPE TEJERO

O Campionato do Mundo Universitario de Debate en Español volverá ter representación lucense. Manuel Maseda é un rapaz de 20 anos, que estuda Ciencias Políticas e Dereito na Universidad Autónoma de Madrid e que nesta ocasión foi becado polo Consello Mundial de Debate para participar en calidade de xuíz na competición principal de debate.

Maseda asegura que esta paixón pola oratoria é algo que sinte dende pequeno, xa que, segundo di, "sempre me gustaron os debates parlamentarios" e engade que en canto marchou a universidade apuntouse no clube de debate do colexio maior no que vivía.

Dende que marchou a estudar a Madrid, o lucense xa participou en varios campionatos nacionais e no Mundial, que se celebrou en Chile o ano pasado.

Na edición do 2018, Maseda e o seu compañeiro non conseguiron chegar á fase final, pero el valora a experiencia de xeito positivo, xa que, segundo comenta, "íamos a probar sorte, pois nunca participaramos nunha competición fóra de España". Ademais, Manuel quedou entre os 50 mellores de entre máis de 350 participantes.

Este ano asistirá como xuíz da categoría de debate, na que participou o ano pasado. A maiores, competirá na modalidade de discursos e "pode que tamén na categoría de xuíces".

Este tipo de competicións son, segundo el, "unha gran oportunidade para convivir e coñecer xente que forma parte do circuíto dos debates", pero tamén unha boa oportunidade para visitar novos lugares, xa que "ao rematar o campionato, alugamos unha furgoneta para viaxar ata os Andes e outras partes de Chile".

Neste tipo de campionatos internacionais o formato de debate é o de Parlamento Británico, no que se precisan boas calidades en razonamento lóxico, xa que se coñece a pregunta no mesmo momento do debate e, polo tanto, o tempo de reacción é moi breve.

Maseda explica que os temas que lle resultan máis complicados son os de ciencia, pero que cun pouco de estudo previo e indo máis aló do tema pode saír do paso ante este tipo de asuntos.

Comentarios