"Presido o PP porque estiven no lugar oportuno, no momento preciso e con lealdade"

"O orzamento non é só o de Campos, porque o PP fixo achegas moi importantes"

O PP facilitou a aprobación dos orzamentos da Deputación para 2016 ao ausentarse da votación, pero a súa portavoz, Elena Candia, aclara que as contas que recibiron o visto bo non son só o proxecto do bipartito e que tomaron esta postura para que o goberno "non nos responsabilizase da súa paralise"
Elena Candia, onte na Praza de Santo Domingo
photo_camera Elena Candia, onte na Praza de Santo Domingo

A DEPUTACIÓN DE LUGO inicia unha nova etapa coa aprobación do orzamento o pasado martes, poñendo fin a unha situación que asfixiaba aos 67 concellos da provincia e a todo o tecido asociativo, paralizados pola falta de financiamento.

¿Cre que os lucenses entenden que o PP permitise a aprobación do orzamento da Deputación co seu abandono do pleno?

O PP estivo presente na elaboración das contas dende novembro, polo que o que se aprobou non foron os orzamentos só do presidente, Darío Campos, senón que o PP fixo achegas moi importantes. Tivemos máis de doce reunións e desas conversas saíron uns orzamentos, nos que non estamos de acordo ao cen por cen, pero que inclúen unha serie de melloras incorporadas por nós. Por outra banda, non iamos permitir que o bipartito nos responsabilizase da parálise que sofre e somos conscientes de que os concellos e as asociacións non podían seguir paralizadas pola Deputación.

Pero, entón por que abandonaron o pleno?

Se Campos amosase unha actitude máis dialogante, permitindo o debate das mocións ou o receso de 15 minutos que pedín para facer unha consulta xurídica, poderiamos ter respaldado as contas, pero o escenario que nos presentou non nos deixou outra saída, porque nunca se producira unha situación semellante, que non se deixara debatir unhas mocións, coma nunha dictadura.

Por que cre que Darío Campos actuou deste xeito?

Campos quería seguir cos orzamentos prorrogados, porque realmente a quen prexudicaba era ao BNG, a cultura e a deportes. Estas áreas depende das subvencións nominais, que non se manteñen co presuposto prorrogado, mentres que noutras do PSOE, como en servizos sociais, pódense firmar convenios excepcionais e xa está. Ademais, ten os millóns de remanente de tesourería que inxectaría no presupuesto prorrogado do 2015.

En concreto, que aportou o PP aos orzamentos da Deputación?

Por exemplo, o incremento dos cartos para o Plan de Obras e Servizos ou para a axuda no fogar básica, que eran reivindicacións históricas. Tamén conseguimos que se respectasen os compromisos económicos. Ademais, entre outras cousas, é importante que no Plan de Emprego se respecte a autonomía local á hora de que os concellos decidan o tipo de profesionais que queren contratar, para que o diñeiro de emprego non se use en facer política.

Non é a primeira vez que permiten ao bipartito sacar adiante algunha cuestión no pleno, como fixeron ao absterse na votación da relación de postos de traballo (RPT). ¿Por qué permitiron a súa aprobación cando previamente a criticaron e incluso dixeron que era ilegal?

A primeira vez que foi a pleno, déronnos a documentación xusto antes de iniciarse a sesión e decidimos levantarnos porque non tiñamos información. Esa RPT estaba moi marcada pola proximidade das eleccións e o que se coñecía era un incremento moi substancial a determinados funcionarios afines ao goberno. O que cambiou desde marzo foi que a RPT daquela levábase a pleno coa oposición da metade da representación sindical dos traballadores da Deputación e desta vez contaba co cen por cen de apoio, porque aceptaron as súas alegacións. Se os sindicatos apoiaban unanimente esa relación de postos, nós decidimos absternos porque, aínda que non nos convencía, quixemos respectar aos sindicatos.

Co presuposto aprobado, que marxe de manobra ten agora o PP?

A partir de agora hai un escenario de compromisos que teñen que cumprirse e nós seguiremos facendo propostas e poñendo en marcha mecanismos para que os acordos que se adopten se cumpran, porque a Deputación non é unha república bananeira e os acordos do pleno teñen que ser respectados. Se non se fai polas boas, poremos en marcha todos os mecanismos, empezando por dirixirse ao Valedor do Pobo. Tamén hai que modificar o regulamento orgánico e adaptalo á situación real, cun goberno en minoría.

Presupostos "Campos quería seguir cos orzamentos prorrogados, porque a quen prexudicaba era ao BNG, ao levar cultura e deportes"

Futuro "A Deputación non é unha república bananeira e os acordos teñen que cumprirse"

No último pleno, o deputado non adscrito, Manuel Martínez, ofreceulle reunirse con vostede con luz e taquígrafos. Recolle o guante?

Paréceme necesario. Co que pasou o martes xa quedou claro que non hai ningún pacto oculto entre o PP e Martínez, pero ambos queremos que se respecten os nosos dereitos e imos coincidir en todo aquilo que sexa bo para a provincia.

O PP lucense acaba de elixila como presidenta provincial, pero mantivo unha auténtica batalla polo posto coa delegada territorial da Xunta, Raquel Arias. Queda algunha ferida aberta? Na nova executiva a representación do outro bando é simbólica...

Non queda ferida algunha. O congreso é pasado e nós falamos de futuro. Agora só pensamos en traballar e traballar todos xuntos polos veciños.

Vostede informou a Fiscalía de supostas irregularidades no Km0, que desembocaron na operación Pulpo, pero agora parece que as irregularidades salpícanlle ao PP.

O Km0 desenvolveuse nunha época moi concreta e foi xestionado por personas identificadas que non teñen nada que ver co PP. Agora, o goberno, coa estratexia de ‘e ti máis’ e recorrendo a cousas que pasaron hai máis de doce anos, intenta evitar o que a estas alturas é inevitable, que se saiba que se dilapidaba diñeiro público con este programa en viaxes de ocio. Pero, en calquera caso, ante as irregularidades, a nosa obriga era informar ao fiscal.

Comentarios