viernes. 23.10.2020 |
El tiempo
viernes. 23.10.2020
El tiempo

O Museo de Lugo e o Thyssen colaboran nun proxecto sobre a creación feminina

Colaborarán sobre cuestións de xénero e diálogo intercultural. Participan artistas como Paula Noya ou Mónica Mura

A Rede Museística Provincial de Lugo e o Museo Thyssen veñen de poñer en marcha un proxecto común de cooperación internacional, ‘Nos+Otras: En red’, que deu comezo onte en Madrid, na sede de centro madrileño, e a través do que se dá continuidade ao proxecto lucense ‘Olladas de muller sobre a miña familia’.

Este proxecto conta coa participación de numerosos artistas, colectivos e asociacións de mulleres, así como educadoras de museos de diferentes países, traballando en común para facer do museo un espazo de creación feminina. A partir de talleres de artistas, como detonantes do proceso creativo, traballarase para xerar propostas en diferentes formatos que se recollerán nunha exposición final. O obxectivo é o de crear un espazo permanente no que traballar e reflexionar sobre cuestións de xénero, educación en valores, campañas contra o maltrato e programas de diálogo intercultural e interrelixioso.

As actividades enmarcadas en ‘Nos+Otras: en red’ comezaron o mércores en Madrid cunha xuntanza na que se presentaron todas as artistas participantes, para xerar as propostas que son o punto de partida do proceso. Continuarase coa celebración de obradoiros de arte en diferentes sedes ata maio de 2016, para xerar as pezas ou proxectos que se exhibirán nunha exposición final, que porá peche ao proxecto.

Ao igual que en Madrid, o próximo luns, celebrarase na Mariña unha xuntanza de colectivos de mulleres e de artistas participantes no proxecto, para deseñar os obradoiros.

Neste proxecto están involucrados, xunto coa Rede Museística e o Museo Thyssen, numerosos artistas así como colectivos de mulleres, como son ademais dos madrileños, os galegos Acadar ou Cogami. Tamén están integrados outros museos como o de Bellas Artes e outros latinos. Esta listaxe irase ampliando en datas vindeiras.

En canto aos artistas que participarán neste proxecto, dende Lugo están Paula Noya, Paula Cabaleiro, Mónica Mura e Mary Pais. Á fronte do proxecto están, realizando as tarefas de coordinación, tanto Ana Moreno, xefa da Área de Educación do Museo Thyssen, como Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial.

Esta non é a primeira colaboración entre o museo madrileño e a Rede Museística Provincial, xa que ambas entidades teñen unha ampla traxectoria previa de colaboración mutua en diferentes foros.

O Museo de Lugo e o Thyssen colaboran nun proxecto sobre a creación...
Comentarios