sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

O InLugo oferta cursos de novas tecnoloxías a maiores de 55 anos

Participantes nun taller de InLugo na fundación Tic
Participantes nun taller de InLugo na fundación Tic
Ademáis de obradoiros sobre o uso do móbil ou PC, a fundación TIC desenvolve a web TicTac Lugo para gardar a memoria dos maiores

SON AS once da mañá na fundación Tic. Fran Veiga pídelle a un dos seus alumnos que conte aquela anécdota tan boa ante a proxección da foto dun autobús do ano 53, que facía o percorrido Muimenta-Lugo. "O meu pai traballaba na Funeraria Fernández, e daquela enviaban os cadaleitos na baca do autobús a distintos lugares da provincia. Un día, na baca, e co cadaleito compañeiro dos pasaxeiros, púxose a chover, o que fixo que todos baixasen para meterse no autobús... Todos, menos un, que non se lle ocurríu outra cousa que meterse no cadaleito, e para máis inri, quedar durmido. Varias paradas despois, xa con pasaxeiros arriba novamente, unha man saíu do cadaleito e preguntou: ‘xa parou de chover’?, para o pasmo de todos", conta José Ramón. El é un dos moitos alumnos que asistiron ao taller de memoria TicTac Lugo a semana pasada. A través da páxina web do proxecto www.tictaclugo.es, os participantes suben fotografías propias de antano, ao tempo que se familiarizan co ordenador e a navegación por internet.

Jesús González Trabadelo tamén subíu varias fotos á web. Fotos moi boas, xa que foron sacadas por fotógrafos profesionais. Explícase: "Eu traballei no Monterrei, e a cambio de servir de ponte entre os comensais —que celebraran algunha ceremonia— e o fotógrafo, este facíame fotos a min", conta. A un neno de oito anos, que xa daquela estaba empregado nesta cafetería lucense. Así se suman e suman as historias dos maiores da provincia nesta web, cada cal máis interesante, e a través dun proxecto que sirve de ponte entre tempos, e entre mundos, xa que o uso das novas tecnoloxías é tal vez o cambio social máis forte dos últimos anos para as persoas maiores.


Ofrecen exercitación de memoria a través de videoxogos e estimulación funcional coa Wii


Para coser esa fenda dixital, o proxecto InLugo, que xestiona a Fundación Tic, oferta diferentes cursos para maiores que permiten manexarse co ordenador, a tablet ou o móbil, exercitar a memoria, navegar por internet, usar o correo electrónico, abrir unha rede social ou fotografar cunha cámara dixital.

Jesús González Trabadelo fixo moitos destes cursos. Aos seus 68 anos, recoñece que a súa relación coas novas tecnoloxías mudou radicalmente, "como de ser un bebé a ter 50 anos". Agora, mentres falamos, está recompilando fotos de castelos escoceses, para logo facer unha presentación con música. Skype, photoshop, fotografía... Son algunhas das cousas que aprendeu neste ano e medio que asiste ao proxecto InLugo, e que lle aportaron, segundo confesa, unha grande apertura ao mundo. Por iso recomenda a calquera persoa formarse neste eido, pero intúe que os xogos de antes serían moi beneficiosos para os cativos de hoxe. "Non dar as cousas feitas. Antes escoitabas o fútbol na radio e tiñas que imaxinalo... e con calquera cousa inventábamos un xoguete", engade. Aprender o mellor dos dous mundos, é o que para el cómpre facer no futuro.

María del Carmelo Velado, aos seus 82 anos, leva xa tres cursos na Fundación Tic, aprendendo a manexarse coas novas tecnoloxías. "Cando comecei, nin sequera coñecía os termos, así que nun principio foi iso o que quería coñecer, para estar ao tanto nas conversacións", comenta. Agora navega por internet, que usa para completar a información dalgunha noticia interesante que escoita na televisión. E non só, tamén para localizar lugares ou seguir as indicacións dunha receita de cociña.


En 2015 houbo 1.657 inscritos nas 1.100 prazas convocadas nos 94 cursos


Inés Trigo Folgueira é a máis nova do grupo, e recoñece que os cursos do InLugo cambiáronlle a vida. Foi a súa veciña, Élida Ares Edrosa –de 70 anos— quen a animou a asistir, despois de catro anos de experiencia neles. Os primeiros que fixo foron os de memoria. "Eu teño unha enfermidade nerviosa, e non recordaba moitas cousas do pasado, ou a maneira de facer determinadas cousas, e avancei moitísimo aquí", comenta. Élida sorrí cómplice ao seu carón, pois constata o seu cambio. "Tampouco sabía utilizar o teléfono móbil, e agora xa o teño incorporado —busco lugares por Google e miro o tempo—, e vou comezar co ordenador", indica. "Mellorei un 80 por cento, e agradezo moitísimo o trato dos profesores dos cursos", asegura, e Élida Ares o secunda. A ela sempre lle gustaron as novas tecnoloxías, e recoñece que nestes anos mellorou moito. Utiliza a banca electrónica, o que admite que lle facilita moito a vida. Tamén le todos os días o xornal, confirma os horarios dalgunha tenda, e utiliza o whatsapp. Élida tamén participa no programa TicTac Lugo, onde a súa memoria deixou unha pegada dixital para o disfrute de todos, pois ela foi a segunda muller en conducir un taxi en Barcelona, onde vivíu emigrada moitos anos. Para elas, e para todos os usuarios do InLugo, os cursos e os obradoiros son unha grande oportunidade de aprendizaxe e partilla.

VALORACIÓN. Grazas ao InLugo, que xestiona a Fundación TIC, centos de lucenses de máis de 55 anos xa se beneficiaron de diferentes cursos relacionados coas novas tecnoloxías. Tan só en 2015 houbo 1.657 inscritos para as 1.100 prazas convocadas nos 94 cursos e obradoiros que se impartiron na sede do centro, entre os que destacan os de estimulación cognitiva a través da Wii. As cifras reflicten a alta demanda, que cada ano vai a máis. De feito, as prazas esgótanse ás poucas horas de abrirse o prazo de cada convocatoria. Para a maioría dos usuarios, o seu primeiro contacto coas novas tecnoloxías é a través do manexo do teléfono móbil e de aplicacións como WhatsApp.

O InLugo oferta cursos de novas tecnoloxías a maiores de 55 anos
Comentarios