O Festival de Cine de Lugo escollerá un cento de filmes entre os 1.500 que recibiu

O certame está dedicado ao técnico mindoniense Victoriano López García
Cartel anunciador asinado por Lázare
photo_camera Cartel anunciador asinado por Lázare

A 39ª Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo fará unha escolla de cen películas entre as 1.500 que recibiu procedentes de todo o mundo. O certame, que se celebrará entre os día 18 e 23 de setembro, estará dedicado ao productor cinematógrafico Victoriano López García (Mondoñedo, 1910; Madrid, 1995),segundo explicaron os organizadores, o grupo fotocinematográfico Fonmiñá.

Profesor e produtor cinematográfico, López García foi galardoado en 1990 pola Academia de las Ciencias y Artes Cinematográficas de España pola súa achega ao desenvolvemento formativo do profesional cinematográfico español.

Nos primeiros anos trinta, proponse crear un centro de formación cinematográfica, para o que parte nun principio do estudo de materias específicas no campo da técnica industrial. Pon en marcha unha serie de publicacións e iniciativas que lles permitirán a algúns dos seus alumnos canalizar os seus pasos cara ao campo cinematográfico. Desde 1942 dirixe a Sección Permanente de Cinematografía, na que se imparte un curso anual de cinema. O Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas, centro aprobado en 1947, terao como primeiro director e profesor.

Asemade, acomete a formación de técnicos en cinematografía, funda e dirixe por un tempo a revista Cinema Esperimental, na que se abordan cuestións técnicas da sétima arte. Escribe tamén en Radiocinema, en Espectáculo e en Primer Plano.

A Academia de Cine concedeulle un Goya a López García en 1990 pola súa achega á formación do sector cinematográfico

Do seu prolífico traballo docente e de análise da industria cinematográfica xurdirán libros importantes para o coñecemento dos seus sectores técnicos e produtivos como ‘Lecciones sobre cinematografía’ (1941), ‘Técnica del cine sonoro, en color y el relieve’ (1943) ou ‘Reconocimiento al cine español’ (1972).

Desde os 50 ata os 70, ademais de ir pasando por diversos cargos cinematográficos, representa a España en varios congresos internacionais e ofrece numerosas conferencias.

CARTEL. O autor do cartel anunciador do certame é Lázare (Lugo, 1960). Pintor autodidacta, perfeccionou o seu debuxo na Escola de Artes Ramón Falcón, ten efectuado diversas exposicións individuais e participado en mostras colectivas. Con 16 anos, recibiu o seu primeiro premio no Certame de Arte Xuvenil Lucense.

O cadro é o primeiro dunha serie do autor que pon de relevo a protección da mocidade por parte dos maiores, que fan ese papel como a axuda para levar nenos e mozos polos vieiros da vida.

É o cuarto ano no que unha obra de autor lucense anuncia a semana de Cine. En 2014, foi o seu autor o debuxante Antonio Fraguas Forges -con raíces na Fonsagrada-; en 2015, Jorge Espiral; en 2016, Luz Darriba, e Lázare, neste ano.

Comentarios