Dous premios á calidade lingüística recaen no campus de Lugo

Os traballos dunha titulada en Enxeñaría Agrícola e doutra en Prevención de Riscos, entre os 15 que foron galardoados pola USC
Galardoados trala entrega de premios
photo_camera Galardoados trala entrega de premios

A calidade lingüística dos traballos académicos que o alumnado da USC realiza en galego foi premiada unha vez máis. As comisións de normalización lingüística de Santiago e Lugo convocan cada ano 15 recoñecementos, en varias categorías e onte entregáronse os galardóns aos alumnos gañadores, entre os que se atopaban dous de titulacións impartidas no campus lugués.

Na categoría de traballos de fin de grao ou proxectos de fin de carreira, na que se presentaron 66 candidatos, acadou o premio da área de Enxeñaría Pilar Rodríguez López, titulada en Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural. Recibiu o premio polo traballo titulado ‘Análise dos investimentos realizados por explotacións de leite acollidas a plans de mellora’. O galardón leva aparellado 300 euros e diploma.

Na modalidade de traballos fin de mestrado, na que se presentaron 41 propostas, tamén foi premiada, na área de Ciencias da Saúde, Lucía Denniss Fernández, do mestrado en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental, que se imparte na facultade de Ciencias, polo traballo ‘Plan de prevención de riscos laborais dunha explotación avícola’. O premio consiste en 500 euros e diploma. Esta alumna obtivo hai dous anos un premio á calidade lingüística do seu traballo de fin de grao.

A cerimonia de entrega estivo presidida polo reitor Juan Viaño na facultade de Xeografía e Historia e nela tamén participou a vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva, entre outros. "A suxeición a unhas convencións que normalicen a presentación pública das nosas producións como investigadores e investigadoras é un acto de calidade universitaria", salientou Juan Viaño.