O BNG de Lugo pide ás institucións a urxente reacción contra a velutina

A formación presenta unha moción de urxencia para pedir no pleno local que o Concello e a Xunta tomen medidas contra esta especie invasora

O BNG presenta unha moción de urxencia no Concello de Lugo para que se debata no pleno que se celebrará este xoves na que solicita que tanto a administración local como a Xunta tomen medidas para frear a praga da avespa velutina.

Os nacionalistas presentaron esta proposta por mor de que se produciron en Galicia tres mortes na última semana.

"Nos últimos días houbo tres persoas mortas", dixo o portavoz nacionalista Rubén Arroxo, e "parece que a ninguén se preocupa por un problema que aumenta e do que xa advertimos".

De feito, lembrou que o "pleno de xullo é o último do curso político e ata o mes de setembro non volverá reunirse a corporación de Lugo", polo que "non se pode esperar máis para tomar as medidas necesarias" contra esa especie invasora.

"Por iso impulsamos esta proposta pola vía de urxencia, en vista de que non se está facendo nada", insistiu.

Aínda que a competencia é a Xunta de Galicia, lembrou, Arroxo opina que o Concello de Lugo tamén debería ter previsto "un plan de actuación" para facer fronte aos problemas que provoca este "insecto no municipio".

"Hai que colocar trampas en espazos públicos e animar os veciños a colocar trampas tamén en terrazas e xardíns, porque cada raíña que se captura é un enxame menos e así se irá freando o avance desta especie invasora", dixo Arroxo, que deu o pasado xoves unha clase práctica diante do consistorio sobre como facer trampas caseiras para loitar contra a presenza deste insecto de orixe chinés.