As novas liñas de transporte público de Lugo comezarán a funcionar en sete semanas

A xunta de goberno aprobará este mércores o novo contrato, incluído o SAE que permitirá facer seguimento en tempo real
Arroxo, nunha parada de bus na Rúa Montevideo. EP
photo_camera Arroxo, nunha parada de bus na Rúa Montevideo. EP

O tenente de alcalde e concelleiro de mobilidade, Rubén Arroxo, avanzou que este mércores a xunta de goberno do Concello de Lugo aprobará a modificación do contrato de transporte público, no que se enmarcan as novas liñas e a posta en marcha de diversos servizos relacionados con elas.

O edil nacionalista explicou que este aprobación permitirá "avanzar no proceso de implantación de novas liñas, que contamos que esté completado nas vindeiras sete semanas".

Con esta aprobación dará comezo tamén o proceso de implantación do Sae, un sistema que facilitará a xeolocalización dos buses e o seguimento en tempo real a través da rede. "Ademais permitirá poñer en funcionamento unha serie de pantallas informativas en diversas paradas para que a veciñanza poida saber o tempo que falta ata a chegada do seguinte bus", explicou o edil nacionalista.

Instalaránse pantallas informativas en diversas paradas que informarán do paso dos buses en tempo real


Arroxo lembrou que "o novo proxecto de mobilidade está composto por catro grandes liñas que conectarán as zonas norte e sur de Lugo, e dúas máis que conectarán o leste co oeste da cidade".

Destacou tamén as conexións das distintas zonas, como o eixo Norte-Sur da cidade, que inclúe a Avenida da Coruña, a Ronda da Muralla, a avenida Ramón Ferreiro e a Avenida de Madrid, onde se atopa a maior parte da poboación, terán un bus cunha frecuencia de 10 minutos. 

O Hula gañará conexións con Fontiñas, a zona sur da cidade e a Avenida das Américas, que co modelo actual non teñen transporte directo. As novas liñas permitirán conectar de xeito directo o hospital coas zonas de Fingoi, Magoi, Sagrado Corazón, As Gándaras, Avenida das Américas, Fontiñas, Fonte dos Ranchos, a Abella e Garabolos, e mellorarán, segundo indica a tenencia de alcaldía nun comunicado, as frecuencias coa zona centro.

"Contaremos con 6 liñas que partirán de distintas zonas da cidade e rematarán no Hula, permitindo que a maior parte da veciñanza teña transporte directo ao hospital", segundo explicou Rubén Arroxo.

As frecuencias de conexión co centro da cidade desde os barrios pasarán da hora entre cada volta a 30 minutos cando entren en funcionamento as novas liñas.

Nos polígonos de O Ceao e As Gándaras melloraranse tamén as conexións, quedando ambas áreas industriais conectadas co barrio de Fontiñas e o sur da cidade cun total de seis liñas. Ao mesmo tempo, a zona rural manterá o servizo contando con catro liñas de transporte público.

Nos vindeiros días, a área de mobilidade iniciará unha campaña para informar sobre todos estes cambios.

Comentarios