martes. 27.07.2021 |
El tiempo
martes. 27.07.2021
El tiempo

MAITE FERREIRO

"Non é urxente abrir o auditorio mentres teñamos aforos limitados"

_VIL4092
Maite Ferriero, na muralla. VICTORIA RODRÍGUEZ
Asumiu as competencias de cultura no Concello e na Deputación e dela dependen moitas das actividades, infraestruturas e proxectos

Recoñece que levar a cultura do Concello e a Deputación é moito traballo, pero atópase contenta aínda que tamén lle tocase algún óso duro de roer como o novo auditorio ou a reorganización da banda municipal de música.

Ocúpase da cultura tanto no Concello como na Deputación. O feito de estar nas dúas institucións convírtea nunha persoa con gran poder neste eido...

É un privilexio porque che permite coñecer o talento que temos ao noso carón e organizar actividades tanto en Lugo como no resto da provincia. Iso si, é moito traballo. Sobre todo, agora coa pandemia, que nos obriga a readaptar as programacións pero, aínda así, esforzámonos en buscar actividades porque necesitamos da cultura máis ca nunca e tamén hai que axudar a estes profesionais.

O caso é que, malia a pandemia, seguen a facer unha axenda cultural case da normalidade.

O que máis nos marca son os aforos pero sempre tivemos claro que era necesario ter unha axenda cultural fixa. O ciclo de teatro clásico remata este mes pero queda Lugo en Danza (LED).

Con este último ciclo, o Concello está a facer unha forte aposta pola danza contemporánea. Dado que Lugo ten a canteira que ten polo conservatorio e que en Galicia nonexiste aínda un conservatorio superior, non se propuxeron traer para aquí estas ensinanzas?

Non é descartable! En Lugo, hai moita afección pola danza. Hai moitos bailaríns que están fóra formándose e, de feito, demostrouse con este ciclo que había unha demanda deste tipo de espectáculos que non estaba cuberta. Fixémolo como un plan experimental pero funciona.

O novo auditorio xa ten nome, Fuxan os Ventos, pero non abriu. Por que deu ese paso agora?

A proposta de Fuxan os Ventos está moi motivada. O ano que vén o grupo cumpre 50 anos pero tamén deste xeito pretendemos dar un cambio ás infraestruturas culturais e facer un recoñecemento aos grupos locais. Neste caso, tamén queriamos dignificar un grupo que musicou poemas de lucenses como Manuel María ou Marica Campo.

É tan complicado que se poña xa a funcionar?

Unha vez que a Xunta entregou o auditorio ao Concello, viuse que había varias eivas que corrixir, ás que tamén lles afectou o paso do tempo. Houbo, ademais, que comprobar os aparellos técnicos que, coa luz de obra, non se podían comprobar. Tamén Patrimonio, da Xunta, pediunos un informe ao Concello. Unha vez que se teña o informe, xa daremos un paso máis hacia a apertura.

Está feita a dotación de mobiliario e os equipos de luz e son?

Aínda estamos agardando polo informe e faltan cousas. Por exemplo, non hai telóns nos escenarios, pero non se pode facer nada sen o informe. A cuncha acústica tampouco a puxo a Xunta.

Pero hai data xa para a apertura do auditorio ou non aínda?

Non é unha urxencia inmediata mentres teñamos os aforos limitados. Ademais, o novo auditorio non ten unha capacidade moito maior có vello.

Pódese dicir que cumpriu xa un ciclo ao haber novo director da banda municipal de música de Lugo?

Foi unha satisfacción inmensa. Había un compromiso co persoal da Banda para que se nomease un director xa que existía certa apatía por parte dos músicos. David Fiuza ten unha formación extraordinaria e un gran currículo en dirección de banda e os músicos están contentos.

O novo director tamén se ocupará da Escola de Música. Haberá algún proxecto para ela?

Levamos tempo sen facer concertos didácticos e sen gozar dos concertos da rúa nin da Banda pola falta de director. Os concertos da Banda eran moi seguidos pola xente, o que demostrou que a agrupación é moi querida. A ver se se poden facer...

Había moita demanda de alumnos para a escola. Vaise facer algo neste senso?

Había moita demanda e iso demostra que hai moitas ganas de estudar música en Lugo. A escola é un espazo integrador no que se xuntan xubilados e rapaces novos. Agora temos tamén unha bolsa de emprego para cubrir baixas.

Van seguir a facer contratos menores para a organización dalgunhas actividades malia á polémica suscitada pola cabalgata de Reis?

Imos facer os contratos que nos permita a Lei de Contratos, adaptándonos aos cambios da normativa sanitaria. O contrato para a organización da cabalgata de Reis estaba permitido pola lei e seguiremos facéndoo así sempre que se poidan facer actividades porque é moito máis cómodo e descárgase de traballo a área de cultura. Polémica non houbo. A oposición crea polémica porque, ao fin e ao cabo, ten que facer ese traballo.

"Non é urxente abrir o auditorio mentres teñamos aforos limitados"
Comentarios