Miguel Anxo García: "Non é un trámite administrativo senón un problema humano"

O labor da Asociación polo Dereiro a Morir Dignamente non remata coa entrada en vigor da lei da eutanasia. O seu presidente en Galicia repasa nesta entrevista os primeiros pasos dunha norma que trouxo "esperanza" a moitos
Miguel Anxo García. EP
photo_camera Miguel Anxo García. EP

Cal é a visión que teñen desde DMD da implantación da lei de eutanasia en Galicia e Lugo?
Non temos coñecemento de que se estean dando limitacións ou obstrucións a solicitudes en Galicia en xeral. En Lugo, en particular, sabemos da presentación dunha solicitude que, despois dun periodo inicial de confusión, se iniciou con normalidade por parte da administración sanitaria. Esa inicial confusión está relacionada coa escasa formación que reciben os profesionais, que se vén suplindo coa transmisión da experiencia entre eles e, no caso de Lugo, co bo labor do comité de ética asistencial ao desenvolver iniciativas de información. Nós pensamos que iso debería partir do Sergas e facerse en todas as áreas.

Que outras necesidades perciben para unha boa aplicación da lei ademais da formación dos sanitarios?
No impreso que o Sergas facilita para facer o rexistro de instrucións previas non figura como opción explícita a eutanasia, o que supón a ocultación dun novo dereito. Aparece a retirada do soporte vital como unha das alternativas pero a eutanasia non consta de xeito expreso, o que contribúe a darlle invisibilidade. Isto non é nada clandestino, que deba ocultarse, é un dereito que ten que exercerse de xeito normalizado. Incluílo no documento de instrucións previas é a única maneira de poder ter acceso á prestación nunha situación de perda de capacidades.

Ver más: Dos pacientes del área de Lugo presentaron la solicitud para la eutanasia y la detuvieron

Que pasou coa comisión de garantías?
En Galicia creouse quince días despois de que a lei entrara en vigor. Esto podería ter sido algo sinxelo de evitar. En Euskadi estaba todo listo un mes antes e puideron atenderse as solicitudes dende o día 1 con plena capacidade. En Cataluña, igual. Agora xa está creada a comisión e sobre ese aspecto non temos máis que dicir, sabemos que está facendo o seu traballo. Outra cuestión é que a administración tería que informar sobre que está pasando. Sabemos o que dixo o conselleiro de que houbera nove solocitudes e unha persoa xa recibira a prestación, pero pensamos que debería informar con periodicidade dos datos.

Para normalizar o dereito, para que se fale del con normalidade…
Si, a existencia dunha lei orgánica xa permite que se fale de algo que antes parecía innombrable. Deu esperanza a moita xente que temía chegar a unha situación na que precisase esa opción e non a tivera. A eutanasia é algo que se entende moi ben cando aparecen algúns casos concretos nos medios de comunicación. O prototipo de caso sería o de Ramón Sampedro. A ninguén se nos escapaba que aí había que axudar, que había que facer algo. Este non é un trámite administrativo, senón un problema humano.

Como ve ese proceso de normalización en Galicia?
Nunha sociedade diversa como a nosa instaurarase con normalidade. Pero non podemos esquecer que hai sectores dispostos a recorrer a súa anticonstitucionalidade, a discutir a propia existencia deste dereito. Ante todo dereito que amplía a liberdade das persoas hai colectivos que se senten ameazados. Por eso DMD estará vixiante ante todas as solicitudes de axuda a morir que se presenten e, como os dereitos non son algo estático, senón que evolucionan coa sociedade, tamén para que no futuro se contemplen supostos aínda non incluídos na lei.

O acceso dos menores?
Por exemplo, e tamén a prestación por padecemento psíquico.

Non se pode entender que está incluído no contexto de padecemento "grave, crónico e imposibilitante" que recolle a lei o caso dunha depresión severa, por exemplo?
É certo que non está excluído expresamente, pero tampouco incluído. Nese caso pode entenderse que o solicitante ten una diminución de capacidades. Pero, efectivamente, haberá solicitudes nese sentido e veremos como se interpreta a lei.