"Non se lle declarou a guerra ao Fluvial! É só unha cuestión de cumprimento da lei"

José Antonio Quiroga leva tres anos como presidente da confederación Miño-Sil, e asegura que desde o seu cargo ten que facer cumplir a lei ► Baixo esa premisa non lle tembra o pulso ao falor da concesión do Club Fluvial 
quiroga
photo_camera José Antonio Quiroga Díaz. EP

Leva un verán especialmente polémico trala guerra aberta declarada ao Club Fluvial de Lugo desde a Confederación Hidrográfica Miño- Sil que preside?

Non se lle declarou ningunha guerra ao Club Fluvial! É só unha cuestión de cumprimento da lei. Isto faise porque se algún día esta entidade presenta unha solicitude para a concesión dos terreos, se lle poida dar a eles ou a outros. Pero para que se lle dese, a solicitude tería que incluír o derrubamento da piscina formigonada que fixeron no cauce do río e contemplar un paso de servidume. Todo isto non impediría, para nada, o desenvolvemento da actividade dun club tan importante como é o Fluvial. Só terían que incluír no proxecto esas dúas cousas se quere ter a concesión dun terreo de 10.000 metros cadrados.

Por que, ata agora, non se meteu a Confederación coa entidade e agora si?

Porque hai que cumprir a lei. Se están pedindo novas concesións, teñen que cumprir a lei. Iso por un lado, pero tamén hai denuncias de lucenses sobre esta situación. Así que... branco e en botella!

Despois de tantos anos de aceptación da situación, non se asentan algúns dereitos?

Non. Isto é como nos montes veciñais. Todo o que é público non prescribe. Non se gañan dereitos nunca. Insisto: o Club Fluvial pode seguir a facer todas as súas actividades, mesmo no río, sen esa piscina e facendo un paso de servidume. Un pode non aceptar e negarse a ver a realidade, pero esta é máis tozuda. Só se trata do cumprimento das leis. Aquí non hai guerra ningunha con eles.

Pasóuselle pola cabeza que puido ter buscado moitos inimigos ultimamente en Lugo con este conflito?

Un non pode meter esa coordenada na cabeza. Teño unha responsabilidade e teño que cumprir con ela. Haberá veciños de Lugo aos que non lles guste o que fai a Confederación e outros que si.

Trala noticia do Fluvial, vén unha resolución xudicial sobre a expropiación do mesón O Muíño para a Confederación. Como reaccionou ante a noticia?

O caso do mesón O Muíño tivo un longo percorrido xudicial que acaba de solucionarse. Aínda poden os propietarios presentar un recurso de casación ante o Tribunal Supremo. Supoño que non darán ese paso. Se é así, a Confederación vaise facer propietaria do Muíño.

Que aproveitamento se lle pode dar ás instalacións? ¿Vanse derrubar finalmente?

Pensamos demoler o que afea urbanisticamente ese recanto. É dicir, a pulpería e a terraza de formigón. Todo o que deturpa a construción tradicional. Pretendemos facer alí, no antigo restaurante, algo relacionado coas pesqueiras e os caneiros de Lugo, como recoñecemento por seren parte do patrimonio etnográfico.

Pode ser que a Administración fose máis condescendente coas ribeiras dos ríos que coa costa marítima, en canto a construcións nestas zonas e permisos?

Non teño datos sobre o control do dominio público marítimo-terrestre pero tamén hei de dicir que, cando vou por aí, nunca me atopo con praias pechadas nin verxas.

Por que a Confederación non obriga os propietarios dos caneiros á súa restauración, dado que tamén son un patrimonio cultural?

Ese é un terreo con moitas ambivalencias. É certo que os caneiros e as pesqueiras son un patrimonio cultural e etnográfico. Xa antes do ano 1000, os caneiros e as pesqueiras eran moi abundantes nos ríos galegos. A partir do século XIX, coa redacción da Ley de Aguas, foron decaendo os usos dos caneiros e das pesqueiras e foron quedando abandonados co paso do tempo. Normalmente, tanto uns como as outras estaban ligados á concesión dun muíño pero a propiedade decaeu e, por iso, desde a Confederación xa non se pode obrigar aos propietarios a manter en condicións eses elementos. Por outra banda, tampouco son elementos naturais dos ríos pero si son patrimonio cultural e etnográfico. De todos xeitos, convén preservar e restaurar algúns deles, os mellor conservados. Se estivesen moi deteriorados, sería mellor derrubar esas estruturas para mellorar a conectividade dos ríos.

Que farán cos caneiros e coas pesqueiras que hai en Lugo cidade?

En Lugo, vaise restaurar o caneiro da Acea de Olga. Xa pasou o proxecto a exposición pública e agora estase á espera dun informe de Medio Ambiente, da Xunta. Contamos con restauralo o ano que vén. Quizais teñamos o permiso da Xunta hacia outubro pero ata que chegue o bo tempo e baixe o caudal dos ríos, non se poderían facer eses traballos. Tamén temos un proxecto para restaurar a Pesqueira do Lulo, que se fará no 2023. Tanto o caneiro como esta pesqueira forman parte da paisaxe da capital lucense.

Para cando unha praia fluvial en Lugo? Quen pon máis inconvintes: a Confederación ou o Concello?

Nós non. Xa demos autorización ao Concello, en novembro de 2020, para a praia fluvial. O procedemento foi longo. Houbo que pedir informes a outras administracións como Medio Ambiente, Reserva da Biosfera, Deputación... pero agora depende do Concello. Eles teñen os seus tempos e prioridades. Pero, pola nosa parte, os deberes están feitos. Tamén demos permiso hai tempo para as Caldas do Miño e agora todo é unha simple cuestión da dinámica municipal.

Cóidase o cauce do Rato por onde vai o paseo pero, en cambio, no seu nacemento, preto do Ceao, séguese a tirar lixo. Por que non se vixía o cauce completo dos ríos?

Temos un garda fluvial por cada 1.000 quilómetros liñais de río. Andamos, pois, escasos de persoal. Pero se hai cidadáns que ven iso, teñen que denuncialo e actuar en consecuencia. Por outra banda, hai que dicir que a limpeza da ribeira dos ríos, nos tramos urbanos, é responsabilidade municipal. Se o Concello se dirixe a nós para que lle botemos unha man, botámoslla, pero a responsabilidade é desa institución aínda que teñan que pedirnos permiso para retirar a maleza, que se lles dá sen problema. Tamén habería que contar con Medio Ambiente porque en Meira están medrando herbas no cauce do Miño, que leva moi pouquiño caudal alí, na estiaxe, e Medio Ambiente considera que estas plantas deben protexerse. A Confederación leva todas as culpas: as do globo terráqueo e as estelares tamén.

Hai previsións de facer a continuación do Paseo do Rato hacia A Fervedoira, como aprobou a Deputación, nun pleno, hai xa catro ou cinco anos?

Non me consta ningunha petición ao respecto para continuar o Paseo do Rato por esa zona.

Pero a Confederación tería que ter coñecemento diso se a Deputación lle pasase o proxecto, non?

Por suposto. Os ríos teñen unha zona de policía que abrangue 100 metros desde o cauce hacia o exterior nas súas marxes. Pero non hai nada solicitado ao respecto na Confederación a día de hoxe. Moitas veces apróbanse cousas nos plenos que quedan en territorio de ninguén.

Diría que Lugo segue a vivir de costas ao río?

Cando vou a Lugo, vexo a milleiros de cidadáns gozando do río, así que non me parece que se viva de costas ao Miño. Outra cuestión é que isto sexa mellorable pero o organismo de conca non é o que deseña a dinámica urbana de Lugo.

Ata que punto o seu cargo é máis político que técnico?

Os cargos de representación teñen bastante de políticos. O meu non é estritamente técnico. Para iso, xa hai un organigrama cunha dirección técnica para as obras, unha Comisaría de Augas ou unha Oficina de Planificación Hidrolóxica. O meu cargo é totalmente político, é máis de estar atento ás problemáticas e de interrelacionarme con outras administracións públicas. Para o resto, xa están os técnicos que ten o organismo.

"De neno, fun pillar peixes ao río e ninguén sabía onde estaba"

De onde é vostede?

Son de Fión, no Saviñao, onde dirixo o Ecomuseo Pazo de Arxeriz.

A que se dedicaba antes de meterse na política?

Fun profesor de Secundaria, de Xeografía e Historia, durante vinte anos. Tamén fun director do CPI do Saviñao. Na política, estou desde finais dos anos 80. Fun concelleiro no Saviñao en 1995 e director provincial do Sepe ou antigo Inem entre os anos 2004 e 2011. Despois, fun parlamentario autonómico polo PSdeG-PSOE e en agosto de 2018 pasei á Confederación.

Que vínculo ten vostede cos ríos na súa vida persoal aparte do cargo que ostenta na Confederación Hidrográfica do Miño-Sil?

No Ecomuseo Pazo de Arxeriz, hai unha sala de cultura fluvial que está en funcionamento desde 2014, de 400 metros cadrados, onde se reflicte como era o río antes da construción dos encoros. Teño tamén alí unha colección de catorce embarcacións fluviais, que é das máis importantes do continente europeo.

Garda algunha anécdota vital relacionada cos ríos?

Con 8 ou 9 anos, tres amigos aproveitamos o final das clases da mañá para ir ao río e poder pillar peixes. Era tanta a ilusión que tiñamos de facernos con peixes vivos que, ata que non conseguimos ter os suficientes nuns cacharros que levabamos, non decidimos voltar. Cando entramos na vila, alleos a todo, quedamos sorprendidos vendo os veciños alporizados e as nosas nais preocupadas porque levabamos máis de dúas horas sen que soubesen nada de nós. Non fóramos xantar, nin avisáramos a ninguén e todos andaban na nosa busca pensando que caéramos nun pozo. Nós tivemos que bulir para escapar a uns azoutes polo susto que lles demos e os peixes remataron, finalmente, a bo recaudo nunha pía.

Non é de familia de troiteiros?

Non, iso si que non.

E pensa que son eles os que coidan os ríos?

Antes, polo interese que lles tiña, coidaban os ríos. Mantiñan os pasos abertos para poder circular, pero no coidado das ribeiras tamén interviñan os veciños para aproveitar a madeira. O malo é que agora non hai xente na zona rural e xorde o abandono.

Comentarios