Nieves Neira: "O que máis quero do San Froilán é a diversidade, que sexa de todos"

A periodista e escritora será a encargada de realizar a ofrenda a Rosalía o Domingo das Mozas
Nieves Neira. XESÚS PONTE
photo_camera Nieves Neira. XESÚS PONTE

Dígame o seu primeiro recordo do San Froilán.

Non sei situar un primeiro recordo, pero si a felicidade de que chegasen estes días, de xuntarse, de ser multitude, de mirar con curiosidade e desexo todo o que se despregaba nas rúas. Por algo diría Cunqueiro que o San Froilán era a festa máis bonita do outono galego.

Cal foi o mellor San Froilán da súa vida e por que?

Tampouco hai un, senón moitos. Ás veces no momento non pensamos que sexan os mellores, e co tempo resulta que era así, que as mellores festas eran cando estabamos todos, cando o meu pai vivía e volvía á casa abraiado con algunha figuriña africana que compraba nos postos, despois de facerse amigo dos vendedores e agardalos con alegría o ano seguinte.

E o mellor concerto ao que asistiu?

Que difícil! Encantoume o de Kase- O, gústame dende que teño 15 anos. Foi moi emocionante escoitalo recitar un poema de Novoneyra entre un tema e outro. Tamén os de Siniestro Total, Def con Dos ou Germán Díaz, e por suposto ver a miña cantante favorita, Olalla Caamaño, en Por mí, Swing. Deume moita rabia perder a actuación de Moura o ano pasado, gústanme moito. Os mellores concertos son sempre coas miñas amigas, que temos o don de pasalo moi ben, facer sitio para bailar onde faga falla e sermos as últimas en pechar a Duendeneta.

Que cousa fixo nun San Froilán do pasado que non volvería facer agora?

Pasar tanto tempo no posto dos Viños de Aragón. O viño doce baixa demasiado ben. Pero… quen pode resistirse a ese lugar, coa parella de maniquíes vestidos co seu traxe tradicional xirando e xirando?

Con que queda, o Tren de la Bruja, a nora ou a Tómbola del Jamón?

Difícil elixir. Di miña nai que o Tren de la Bruja me gustaba moito de nena. Por un lado, non é doado non quedarse coa Tómbola do Jamón, con esa letanía constante na rúa que calquera persoa desta cidade pode recrear. Por outro, non me gustaba moito subir á nora pola vertixe; hai cousas que basta con querelas de lonxe. E eu quería moito ese lonxe, esa nora rodando polo río antes de que nos roubasen ese horizonte co Garañón.

Botando contas, en que gasta os seus diñeiros en San Froilán ou en que gastou máis?

Coma todo o mundo, nas reunións coa xente á volta dunha mesa. Cando era nena, os meus irmáns gastaban moito conmigo nas mazás con caramelo, algodóns de sucre e coches de choque, que era a miña atracción favorita. Lamento que xa se me queden pequenos.

Se estivese na súa man facer o programa de festas, que incluiría e de que prescindiría?

Eu ao San Froilán o que lle pido é que sexan festas de todas, se cadra as festas máis populares de Galicia, o que tanto atrae a xente de todo o país. Por iso, do único do que prescindiría son das actitudes intolerantes que ás veces emerxen nestes contextos. E tamén desas máquinas de pinzas metálicas para agarrar coellos e osiños de peluche que nunca chegan a bo porto e tanto lle gustan á miña sobriña. O que máis quero do San Froilán é a diversidade. Poder escoitar a mulleres que admiro falar con Rosalía, a quen este ano terei a honra de murmurarlle eu tamén. Ir a un concerto de rap, outro de folk e bailar techno. Ver as rúas cheas de xentes distintas, de traxes, de danzas e de fontes ás que, por un día, se lles permite manar viño.