viernes. 04.12.2020 |
El tiempo
viernes. 04.12.2020
El tiempo

Néstor Rego: "Non foi acordo de lexislatura, o BNG ten as mans libres para facerse valer"

Néstor Rego. SEBAS SENANDE
Néstor Rego. SEBAS SENANDE
O deputado do BNG no Congreso foi chave na investidura de Pedro Sánchez

Naceu no Vicedo hai 58 anos e dende os 18 reside en Compostela, onde fixo a súa carreira docente e política. A aritmética parlamentaria converteuno en chave da investidura a cambio de compromisos para solucionar —confía— algúns dos principais problemas do país.

De ir tanto ás urnas, saíu deputado, e ademais privando a entrada do deputado galego de Vox, como apuntaban algunhas enquisas.

​Foi probablemente a única consecuencia positiva da repetición electoral. O BNG conseguiu unha voz libre e soberana no Congreso. 

E o rexeitamento do mediático Miguel Ángel Revilla a apoiar a Pedro Sánchez puxo todos os focos en vostede. Como se sentiu?

O BNG foi serio e rigoroso no proceso de diálogo, o que permitiu que chegásemos á véspera da investidura cunha posición vantaxosa que utilizamos para defender os intereses do noso país. Conseguimos a solución a algúns dos principais problemas sociais e económicos que ten Galiza, que levaban moito tempo esperando.

Negociou e formou parte doutros bipartitos, neste caso locais. Axudou iso para chegar ao acordo?

A experiencia sempre é positiva. Teño que dicir que foi un proceso no que participaron outros compañeiros. Foi un acerto colectivo.

A estatal é unha coalición máis inestable ao non sumar maioría, porén esta circunstancia pode axudar a que os socios se entendan? Que consellos lles daría?

O que é claro é que o que acordamos foi en relación coa investidura, non é un acordo de lexislatura. O BNG ten as mans libres para facer valer novamente a súa posición noutros procesos de negociación. Aí veñen de maneira inmediata os Orzamentos. Teremos que verificar que moitos dos compromisos contan con dotación presupostaria ou que en xeral Galiza recupera un nivel de investimento que estea polo menos á altura das necesidades que temos. Non son eu o que teño que darlle consellos a outras forzas políticas, pero creo que o Goberno faría ben se aposta decididamente por recuperar dereitos sociais e atender as necesidades dos sectores máis necesitados e de pobos como o galego historicamente marxinados.

Non é un acordo de lexislatura, pero non sería irresponsable deixar caer un Goberno outra vez?

Teremos que saber en que contexto se produce esa negociación. É responsabilidade fundamentalmente de quen goberna ter a capacidade de negociación.

Está preparado o BNG para aceptar e explicar incumprimentos, se chegan a producirse?

O rexeitamento a pagar o Ive de 2017 pode dar pistas de como van ser as cousas. O BNG é unha organización seria, que sempre cumpre o que promete, esperamos que os demais fagan o mesmo e imos estar atentos. A primeira proba é que nos Orzamentos vaian as partidas necesarias, é unha cuestión de xustiza con este país. O Ive non formou parte do acordo porque non se coñecía a negativa do Goberno, pero xa hai tempo que dixemos que había que ir pola vía xudicial. Isto é consecuencia dun modelo de financiamento inadecuado.

Nun contexto de aumento do gasto público, de ter que atender compromisos con moitos partidos e territorios, vai ser posible cumprir? 

Un dos compromisos é con Galiza. Non temos que partir da base de que imos ficar por detrás doutras nacións ou territorios. Ao contrario, é de xustiza que se compense o déficit histórico. A diferencia agora é que o BNG volveu ao Congreso e vai estar permanentemente activo defendendo a Galiza. Non imos permitir, na medida que dependa de nós, e xa se viu que pode depender, que se nos siga marxinando.

Néstor Rego. EA necesidade de revisar o modelo de financiamento é aceptado por todos. Veo posible nesta lexislatura con tantas tensións territoriais?

Ten que ser, porque é dificilmente sostible este modelo. Cando se abra ese debate é máis que posíbel que as forzas políticas galegas teñan posicións diferentes. Nós insistiremos en que somos un país que vive do seu traballo, non subsidiado, e temos enormes potencialidades para poder vivir con dignidade e máis benestar.

Galicia, envellecida e con moitas necesidades ás que atender, sería autosuficiente?

Sen ningún xénero de dúbida. É verdade que hai poucos estudos, parece que non interesa facelos, pero algúns serios e rigorosos cifran a perda de recursos, entre o que recada e o que devolve, entre 1.500 e 3.000 millóns de euros ao ano. Hai mecanismos moi perversos, como o efecto sede, que fai que a práctica totalidade de todas as grandes empresas e parte das de tamaño medio paguen o imposto de sociedades en Madrid.

Un dos compromisos co BNG foi o estatuto electrointensivo, pero outra demanda histórica era o abaratamento da enerxía para todos os consumidores. Verémolo?

Nun acordo non sempre se consegue todo pero conseguimos arrancar o compromiso de estudar compensacións, pola vía sobre todo de actuacións sobre os custos de transporte, para as comunidades produtoras e excedentarias, e aí a máis beneficiada sería Galiza.

Que propón o BNG para levar a cabo ese eufemismo que é a transición ecolóxica xusta?

Hai diversos programas no Estado español, con financiamento europeo, para poñer en marcha plans alternativos que incentiven novas actividades en sectores que se insiran na economía sustentábel. Pedimos, por exemplo, que Galiza se incorpore ao plan urxente de centrais pechadas, da mesma maneira que xa están —outro exemplo de discriminación do noso país— Asturias, Castela e Néstor Rego. León ou Aragón.

"Non sempre as candidaturas únicas, sobre todo se son forzadas, suman"
O BNG mira cara aos votantes non nacionalistas, pero algunhas posicións, como a non asistencia á apertura da lexislatura pola presenza do Rei, non pode restar nese obxectivo?
Nós facemos fincapé en que a maior capacidade de actuación e decisión do BNG é beneficiosa para o país e acabámolo de demostrar no Congreso. Hoxe hai moitos máis cidadáns dos que nos votaron, que son conscientes da utilidade do BNG. Non ir á audiencia co Rei é coherente co que defendemos e, ademais, por algunhas enquisas sabemos que entronca coa opinión maioritaria.

Todo apunta a que para as galegas haberá varias papeletas nacionalistas e de esquerda. Non pode dificultar iso o cambio de goberno que defenden?
Non sempre as candidaturas únicas, sobre todo cando son forzadas por amalgamar posicións moi diferentes, acaban sumando. O importante é que, con posterioridade ás eleccións, haxa vontade e capacidade de entenderse.

Non é partidario dunha reunificación do nacionalismo.
O noso criterio é que este país precisa unha forza netamente galega, que non se someta a directrices e direccións alleas ao país. Se hai outras forzas que se denominan nacionalistas pero prefiren alianzas, que no fondo son de submisión, con forzas políticas españolas é a súa responsabilidade. O BNG sempre dixo que está disposto a sumar en beneficio de Galiza. E non é unha cuestión declarativa senón que o levamos á practica con quen está en disposición de facelo. Nas últimas eleccións chegamos a un acordo con Compromiso por Galiza.

En En Marea dise que o BNG non quixo chegar a un acordo para as eleccións xerais.
Se o que se busca son alianzas con Podemos... É o que acabamos de ver que decidiu Anova ou as últimas declaracións de Luís Villares [este domingo dixo o contrario].

O BNG entraría a gobernar a Xunta nun tripartito?
O importante é comprobar que apoio ten cada forza. Non hai que dar por sentado que será o BNG quen terá que dicir que se suma, se cadra son outros.

É lexítima a aspiración, pero igual pouco realista.
Hai moitas maneiras de contribuír a unha mudanza política. Todas están experimentadas, ademais.

Néstor Rego: "Non foi acordo de lexislatura, o BNG ten as mans...
Comentarios