NECROLÓXICA. O lado humano de Jorge Dorribo

c
photo_camera c

Jorge Dorribo morreu. Perdín un amigo aínda que moitos poidan ter del unha imaxe parecida á dun capo galego. Eu teño o orgullo de desfrutar tanto da súa amizade como da da súa familia. E é que o meu pai foi, en horas extras, xa fora contable do seu pai Iván, da droguería Dordy.

Jorge destacou dende adolescente pola súa calidade como comercial e relacións públicas. Aos vinte anos xa era rico sendo visitador médico e coa venda anterior de cremas para as prendas de pel. Aí tivo que parar. Pero foi máis alá para vender en países emerxentes medicamentos e ser o gurú que abriu mercado para as unidoses. Como dicía antes, eu estou moi vencellado coa súa familia. De neno vestín pantalóns que a Jorge xa non lle servían. E ben chulos que eran. Algúns foron incluso os meus preferidos.

De Dorribo contáronse moitas mentiras, algunhas incluso relativas á súa familia, o que con razón chegou a amolalo. Jorge estaría vivo actualmente e cun gran patrimonio se parase a súa carreira como visitador cando xa tiña un Porsche Cayenne, unha fermosa muller e unha familia chea de nenos. Pero quixo ir máis alá para cruzar o espazo sideral. Meteuse no cobro de subvencións sen facer nada cos cartos. En calquera caso foi un delito económico.

Jorge Dorribo tiña un lado humano polo que nunca lle negou nada a ninguén que llo pedira. Patrocinou o Arde Lucus varios anos, o equipo de rallyes de Vallejo e todo aquilo que lle demandaban.

Empezou a írselle a cabeza coa celebración de festas e gastos excesivos, como unha viaxe en helicóptero por París para ir cear ao mellor restaurante da cidade.

Dorribo morreu novo porque viviu moi rápido. Unha vez pedinlle traballo farto do xornalismo e deumo. Ofreceume ser comercial de Nupel en Galicia e Asturias con un importante salario máis comisións. Finalmente non aceptei por razóns persoais e familiares.

O seu pai, que traballou en Barras Eléctricas e tiña un chalé a medias na Rúa das Frores, era un gran pescador de troitas. Ía moito ao río Navia, onde o meu proxenitor acostumaba a acompañalo.

Con esa paixón seguiu o seu outro fillo Iván, falecido tras un brutal accidente de tráfico. Jorge morreu porque pensou que todo se podía comprar, dende a vontade de políticos ata a felicidade. Eu quérolle porque tiña un gran corazón, aínda que nunca subín o seu iate, que á postre levouno ao cárcere ao serlle gravada alí unha conversa comprometedora.

Máis alá da súa traxectoria, que o levou á cadea, Jorge Dorribo foi para min unha boa persoa e amigo dos seus amigos coma ninguén. Descanse en paz un emprendedor ‘chapeau’ que quixo ir máis alá do mundo do Principiño. Froilán Varela