Nace en Lugo unha plataforma que promove a "convivencia ética" co xabaril

A iniciativa nace como resposta ás "intencións da Xunta e do Concello de Lugo, xunto coa Federación Provincial de Caza, de tomar medidas para eliminar a presenza deste animal 

Jabalíes en el parque del recinto ferial de Lugo. EP
photo_camera Jabalíes en el parque del recinto ferial de Lugo. EP

Representantes de Adega, Anonymous For The Voiceless, Equo Galicia e Lugo Animal Save, xunto con cidadáns particulares, acordaron crear unha plataforma galega que traballe para "fomentar unha conciencia e convivencia ética da sociedade coa fauna silvestre". A iniciativa nace como resposta ás "intencións da Xunta e do Concello de Lugo, xunto coa Federación Provincial de Caza, de tomar medidas para eliminar a presenza de xabaril na contorna urbana do concello de Lugo".

Os integrantes desta plataforma defenden nun comunicado que "non hai ningunha certeza científica, nin ningunha análise seria e rigorosa, que certifique a existencia de conflito xerado pola poboación periurbana de xabarís de Lugo e que, por tanto, xustifique a disposición de medidas extraordinarias dirixidas a facer extracción e/ou eliminación de exemplares".

En canto ao incremento de accidentes de tráfico no que estes animais están involucrados, a plataforma sostén que "non se están ofrecendo estudos que avalen o incremento de desprazamentos da especie na periferia de Lugo. Aínda no caso de que este suposto se puidese constatar, deberíanse de facer prevalecer as medidas preventivas fronte as letais, previamente avaliadas, para evitar riscos para a seguridade da cidadanía e impactos imprevisibles na dinámica das poboacións".

Consideran ademais que a problemática non está sendo abordada de forma conveniente ao non ter en conta "aos sectores e colectivos implicados, interesados ou afectados pola xestión destas poboacións". "Cremos imprescindible abordar esta cuestión coa participación, cando menos, de persoas expertas sobre o tema, de institucións científicas e de colectivos de carácter ecoloxista, animalista, sindical e veciñal", apunta o comunicado. 

Deste xeito, a plataforma insta a Xunta e Concello a que, "antes de poñer en marcha calquera medida de control ou de eliminación da poboación de xabarís na contorna de Lugo", promovan estudos científicos "que constaten a existencia dun conflito coa poboación de xabarís da contorna de Lugo" e propoñan "medidas alternativas non letais e menos lesivas para a especie e para a seguridade das persoas". Ademais, instan a promover a participación de todas as partes interesadas e a informar á veciñanza.