Morre a catedrática e escritora lucense Araceli Herrero Figueroa 

▶ Foi a primera profesora en ensinar galego en Lugo tras o franquismo e estudosa de Pardo Bazán, Pimentel e do seu mestre Carballo Calero 

Araceli Herrero. EP
photo_camera Araceli Herrero. EP

A catedrática de Didáctica da Lingua e Literatura da Universidade de Santiago de Compostela e escritora Araceli Herrero Figueroa (Lugo, 1948) faleceu este mércores no Hula, onde levaba semanas ingresada loitando contra as doenzas causadas polo coronavirus.

Herrero foi unha das intelectuais máis salientables de Lugo. Foi a primeira profesora en ensinar en galego tras o franquismo e unha gran estudosa de Emilia Pardo Bazán, pero tamén de Ricardo Carballo Calero, para quen foi unha das súas discípulas preferidas, de Luis Pimentel ou Álvaro Cunqueiro, a quen dedicou diversas publicacións.

Araceli Herrero, licenciada e doutora en Filosofía e Letras e licenciada tamén en Filoloxía Galego- Portuguesa, impartiu clases no antigo colexio universitario de Lugo e exerceu como catedrática na Escola de Formación do Profesorado do campus de Lugo e como profesora titular da USC na facultade de Formación do Profesorado de Santiago de Compostela.

A profesora, casada con Humberto Vázquez e nai de tres fillos, foi unha muller comprometida coa lingua e a cultura galegas e deixa un legado valioso. A súa figura foi lembrada esta mesma semana na entrega do premio Historias detrás das Ventás, convocado por El Progreso e a Deputación de Lugo, acto no que a súa prima e "compañeira de vida" Adela Figueroa destacou o seu carácter positivo e a súa loita cun virus que tamén escureceu o ano dedicado ao seu mestre Carballo Calero.

Comentarios