Montserrat Valcárcel (USC): "Queremos ser o campus de referencia do sector primario de Galicia"

A USC e El Progreso organizan o próximo martes, coa colaboración da Deputación, un foro sobre o futuro de Lugo

Montserrat Valcárcel, vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo. MARÍA G. MORADO
photo_camera Montserrat Valcárcel, vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo. MARÍA G. MORADO

A universidade precisa dos recursos que lle aporte o tecido empresarial e este do I+D+i que lle poida facilitar a primeira porque a innovación é esencial para mellorar en competitividade. Como é esa relación vaise tratar no foro que se celebrará o próximo martes, a partir das dez mañá, na Casa do Saber de Lugo. Nesta xornada de entrada libre, con tres mesas redondas sobre o sector primario, a mobilidade e as novas tecnoloxías, e a cultura, participarán directivos de empresas de referencia na provincia de Lugo como Lactalis, Pescados Rubén, Adegas Moure, Monbus ou Norvento, entre outras, e personalidades do mundo da cultura como o director de cine Jorge Coira. Montserrat Valcárcel é a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo. 

Que leva á USC a organizar o foro Lugo cara o Futuro? 

Pensamos neste foro e coas temáticas máis relevantes para o campus de Lugo dentro da vocación que temos que ter como Universidade de transferencia de información cara á sociedade, a quen nos debemos. O primeiro faladoiro é sobre o sector primario (o leite, o viño, o forestal e a pesca), porque, dada a nosa especialización como Campus Terra, moitas das nosas investigacións e das nosas titulacións están orientadas cara á terra e o territorio. O segundo é sobre as novas tecnoloxías e a mobilidade; a tecnoloxía é o futuro e desde o noso campus tamén apostamos por iso, de feito para o próximo curso vaise implatar unha nova titulación de Robótica. E o terceiro é sobre cultura. 

Ademais de Robótica, que xa funcionará o próximo curso con 50 alumnos, o actual mapa de titulacións contempla outras tres novas para o campus de Lugo, como marcha a súa implantación? 

Nos casos de Xestión Cultural e de Emprendemento e Tecnoloxía estanse axustando certas modificacións no plan de estudos. O de Bioquímica está máis aberto porque aínda non houbo esa primeira revisión do plan de estudos. Estas tres titulacións estarán listas para o curso 2020-2021. 

Neste foro vaise abordar a transferencia de información da Universidade ao tecido empresarial, estase a lograr? 

No noso campus temos moitísima vinculación. Temos máis de cen empresas coas que temos relación e proxectos a través da Oficina de Investigación e Transferencia. É vital para este campus. Estamos necesitados tanto para investigación como para transferencia que atenda esas necesidades puntuais que teñen as empresas, que cando teñen algún problema concreto acoden á Universidade para ver como o solucionan. Loxicamente, a estrutura das empresas en Lugo é pequena. Nós con este foro queremos tamén darlle visibilidade a estes sectores e ás empresas que son referencia na provincia, intercambiar opinións e ver realmente se o que ofrecemos é o que as empresas necesitan, que demandas teñen... 

Esa relación é bidireccional porque a Universidade precisa das empresas, pero estas recorren á institución académica? 

Cada vez máis. Cada vez se dán máis conta de que é importante coidar o I+D+i, pero certas empresas de pequeno tamaño bastante teñen con estar no día a día e non poden mimar tanto iso. Con todas as empresas de certo tamaño coas que falamos si que ven a necesidade de estar innovando porque estamos nuns tempos cambiantes nos que se necesita irse adaptando e adoitan demandarnos. Ás veces non porque tampouco nos coñecen ben. Temos que darnos máis a coñecer e saber cales son as demandas das empresas. 

Que retos inmediatos ten que afrontar o Campus Terra? 

O que queremos, como campus de especialización, é dar un paso máis. Desde Lugo pretendemos conseguir que sexa un campus de referencia para o sector agroalimentario, forestal e gandeiro de toda Galicia e se é posible máis alá das nosas fronteiras. 

A sangría demográfica e a proliferación de campus están provocando unha mingua de alumnos, como se pode atallar ese problema? 

A sangría demográfica aínda vai ser maior e coa oferta académica que hai en Galicia alguén ten que saír prexudicado. Loxicamente non dá para máis. Por iso é importante atraer alumnado estranxeiro e doutras provincias. Temos que compensalo facendo o campus máis atractivo e que sexa unha opción para calquera mozo de calquera provincia de España e tamén do estranxeiro.

"Estou moi orgullosa de que se acadara a agrupación estratéxica BioReDes"
Profesora de Enxeñaría Agroforestal na Escola Politécnica Superior, a actividade investigadora de Monserrat Válcarcel (O Incio, 1971) está centrada na xestión da auga, con dúas teses dirixidas e máis de 50 artigos publicados. Forma parte ademais dun grupo de innovación docente que promove diversas actividades para contribuír ao fomento das vocacións científicas no alumnado preuniversitario e para establecer unha relación máis estreita entre a comunidade científica e a sociedade. A mediados do ano pasado concorreu no equipo co que o barreirés Antonio López se facía co reitorado da Universidade de Santiago de Compostela. 

O mes que vén cumpre un ano no cargo, que balance fai? 
Un vicerreitor do campus de Lugo ten que estar a todos os temas que xurdan de todo tipo. Tes a sensación de ser multitarea. Penso que se conseguiron cousas. Estou moi orgullosa de que se acadara a agrupación estratéxica de investigación BioReDes. Esta mesma semana conseguimos un dos dous primeiros ‘hubs’ de innovación dixital de Galicia para a interacción entre pemes e Universidade. Ademais, ligado ao polo aeroespacial de Rozas, temos moitas interaccións coa Axencia Galega de Innovación (Gain). E logo na xestión do día a día conséguense pequenos logros.

Comentarios