Montserrat Valcárcel: "É unha fortaleza que as empresas teñan solucións no campus"

Construír. A Montserrat Valcárcel gústalle esa idea e deixará a vicerreitoría do campus de Lugo co orgullo de sentir que nestes catro anos traballouse para edificar o futuro do campus. Marcha contenta de que o Campus Terra, que levou lustros, sexa realidade.
Montserrat Valcárcel. XESÚS PONTE
photo_camera Montserrat Valcárcel. XESÚS PONTE

Montserrat Valcárcel pecha un ciclo e di que o seu futuro inmediato está en Nutrir, o seu proxecto estrela na universidade, no que se conxugan algunhas das súas grandes teimas: dar respostas ao territorio e solucións ao sector produtivo e mesmo ao reto demográfico, abarcando Galicia e o norte luso. 

Cambia o goberno da USC e vostede deixa a vicerreitoría. O campus queda nunha boa situación? 
Si. O campus queda nunha boa situación e deste período estou orgullosa sobre todo da acreditación do Campus Terra, que era un proxecto de hai moitos anos. Iniciouse na época de Pedro García Herradón, continuou con Javier Bueno e agora consolidouse. O que diferenciou esta etapa é que se puxo máis o foco precisamente na especialización. A decisión de enfocalo ao sector primario é importante para Lugo e para Galicia. Coa pandemia vimos esa importancia, a relevancia de protexer ese referente básico que é a alimentación e de ter produtos cercanos e do coidado do medio ambiente. Así que o Campus Terra está de plena actualidade e en plena sintonía coas políticas que hai agora en Europa, coa nova PAC, que nos leva tamén a que teñamos que dar unha resposta eficiente e adaptada a unha agricultura 4.0, porque sen respostas non se vai poder sobrevivir no medio rural. 

Pon moito o foco na relación da universidade co mundo rural. 
Creo que o papel da universidade ten que ser o de transformador do territorio. Na universidade temos o coñecemento e a innovación, pero o importante é que mobilicemos ese coñecemento para o territorio, que cheguemos con solucións ás persoas. 

É un enfoque ambicioso, pero con riscos tamén, non? Se a universidade se limita moito a un territorio ao mellor ao final cústalle atraer alumnos, perde a esencia e a vocación de ser universal. 
Pero non se trata diso. Temos que formar alumnos altamente cualificados e ter investigación, pero esa I+D+i témola que levar directamente ao territorio. E temos que estar interconectados e dar resposta a problemas reais. Estamos nun territorio eminentemente rural e ten uns retos, como o demográfico, aos que hai que darlle solución en moi breve tempo. Como non se dea solución ao despoboamento, vai haber moitos concellos que van quedar totalmente despoboados e non podemos permitirnos iso como sociedade. E desde a universidade, como servizo público que somos, e dende un campus especializado que ten no seu lema a idea de coliderar a transformación do sector primario, é moi importante contribuír a eses desafíos que son xa inmediatos. Os territorios non van volver ser ocupados se a xente non ten sustentabilidade económica. Agora mesmo falamos moito de sustentabilidade ambiental, pero ten que haber tamén sustentabilidade económica. 

Creo que o papel da universidade debe ser o de transformador do territorio e temos que axudar co despoboamento

Nestes anos houbo moita transformación de títulos. Eses axustes garanten a viabilidade futura do campus de Lugo? 
As novas titulacións que se implantaron nestes anos foron exitosas. Pero agora temos outro reto: o relevo xeracional. Se non se produce o relevo haberá un problema e por iso nos campus especializados pensouse en bolsas predoutorais para comezar carreiras investigadoras. E é vital a investigación, sobre todo no caso de departamentos que non son exclusivos de Lugo. Investigar é vital para o futuro do campus. 

No campus hai ese problema de envellecemento pese a que hai titulacións relativamente novas? 
Si, un pouco menos que en Santiago, pero aínda así a idade media pode ser de cincuenta e pico longos. 

Unha das condicións postas ao Campus Terra é elevar a capacidade investigadora. Por que falla esa capacidade? 
A palabra non é exactamente fallar. A cuestión é que en áreas relacionadas co campus de especialización, que ten o foco no sector primario, hai departamentos exclusivos de Lugo e temos unha investigación moi potente e existen moitos grupos que son referencia non só a nivel de Galicia, senón a nivel europeo e mundial, e aí a investigación goza de boa saúde, porque ademais temos unha vinculación importante na transferencia de coñecemento ao sector produtivo. De feito, un 40 por cento dos proxectos do capital captado no campus deriva directamente da sinatura de convenios con entidades relacionadas co sector primario. Onde hai máis hándicap é en departamentos compartidos con Santiago. 

Tocou o tema do financiamento. O campus está logrando diñeiro e demostrando ás empresas que de aquí se poden obter resultados?
Si, e esa interrelación coas empresas é unha das fortalezas que temos neste campus e eu persoalmente estou orgullosa desa relación co sector produtivo. Hai empresas moi ligadas ao territorio e que buscan solucións ao que precisan no campus. Creo que é unha das nosas fortalezas. 

Que financiamento chega xa do sector privado? 
Os últimos datos que temos indican que é un 40 por cento. 

Deixa a vicerreitoría e hai rumores de que vai dar o salto á política. 
Hai rumores de todo, pero neste momento non hai nada. Ofertas pode haber moitas, pero neste momento teño que pensar moi ben que proxectos quero. Creo que podo aportar algo en proxectos vinculados ao sector rural e gústame moito a xestión coas persoas. Desta época quédame o orgullo de dar a coñecer máis o campus á cidade.

A universidade das próximas décadas ten que ser máis áxil e máis adaptada á sociedade

O campus chegou a ter moitos máis alumnos dos que ten agora. Non necesita ser un foco de atracción de alumnos de fóra? 
Si, a internacionalización ten que ter un peso moi importante. Vimos de dous anos con pandemia e a internacionalización foi o aspecto máis tocado polo covid. Pero para o campus é fundamental a chegada de alumnado de fóra das nosas fronteiras. E xa ocorre. Nos graos non se dá tanto, pero nos másteres si. Hai algúns nos que é moi maioritario o alumnado de fóra de Galicia, porque ademais témolos moi singulares, como o de actividades na natureza. Os graos son ademais moi flexibles. 

Nun tempo de evolución continua da tecnoloxía, non habería que levar esa flexibilidade tamén aos másteres? 
Si, penso que a futura universidade ten que ser máis áxil e máis adaptada á demanda da sociedade. O que nós temos que estar sempre é dando resposta ao que demanda a sociedade e ás veces pasa que na universidade, para poder aprobar algo, hai que pasar por demasiadas comisións e iso leva a que a resposta non sexa todo o rápida que debería. Pero estamos nos desafíos e o campus ten moitas áreas centradas nos grandes retos do futuro, como os marcados pola Onu. Ata abordamos iso coa Uned nunhas xornadas. Creo que foi unha alianza positiva.

Comentarios