Domingo. 23.09.2018 |
El tiempo
Domingo. 23.09.2018
El tiempo

"Os centros temos que apoiarnos e non mirarnos con suspicacias uns a outros"

Montserrat Valcárcel, esta mesma semana no campus de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ
Montserrat Valcárcel, esta mesma semana no campus de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ

Natural de O Incio, Montserrat Valcárcel leva toda a súa vida universitaria na Escola Politécnica Superior. Formou parte da candidatura de Antonio López nas eleccións ao reitorado da USC e a partires do 7 de maio pasará a ser a primeira muller que asume a Vicerreitoría de Coordinación do campus


 

MONTSERRAT VALCÁRCEL (O Incio, 1971) é doutoura en Enxeñaría Agrónoma, profesora titular de universidade e investigadora dentro do grupo de Hidráulica e Hidroloxía. Dende hai catro anos exerce de secretaria académica da Escola Politécnica Superior.

Vai ser a primeira muller en ocupar a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo...
Si. Estou moi orgullosa, moi agradecida por todos os apoios e sinto moita responsabilidade. O feito de ser a primeira vicerreitora dáme gran ilusión e ganas de non defraudar a toda a comunidade do campus de Lugo. 

Procede do mesmo centro e do mesmo departamento que o vicerreitor saínte, Javier Bueno. Houbo moita rivalidade entre os dous?
A rivalidade de estar en candidaturas distintas e que el tiña que defender a súa xestión destes anos e eu evidentemente se me presento é porque quería un cambio.

Vese que moita xente debía de querelo, á vista dos resultados...
Si, porque foi unha victoria clara nos catro sectores que votan. 

A media de idade do profesorado é de 54 anos, ou lle damos un impulso de verdade ou isto quédasenos sen osíxeno

O lema da campaña foi A USC precisa un cambio xa! . Por que tanta urxencia?
O cambio tiña que ser inmediato porque a situación é moi acuciante, sobre todo para as personas. A media de idade do PDI (Persoal Docente Investigador) é de 54 anos e ou lle damos un impulso de verdade ou isto quédasenos sen osíxeno. Pensamos que había que darlle un cambio de rumbo e sobre todo centrarse nas persoas, en colaborar e en facer proxectos comúns porque todos somos importantes, todos temos que contar e temos que escoitarnos a todos os colectivos.

O equipo de Viaño pecou de escoitar pouco?
Parece que si, que houbo unha falta de escoita e de conexión.

Antonio López comentou na campaña que quere devolverlle a autonomía aos centros. Que implica iso no campus de Lugo? Afectará ás titulacións que xa están encamiñadas?
As titulacións que están encamiñadas xa están aprobadas por xuntas de facultade ou xuntas de escola. Era unha falacia dicir que nós ibamos paralizar iso. O que se criticou desde o primeiro momento foi o procedemento porque nos parecía que a universidade non tivo voz. Pero non haberá unha paralización das novas titulacións porque iso non é posible. A idea é que os centros teñan máis peso, que se teña voz no Consello de Goberno e que se escoite a todos os membros da universidade.

No seu centro desaparece Xeomática e Topografía e está previsto o grao en Robótica. Parécelle que ten boas perspectivas?
Parece unha titulación con futuro, pero para artellar unha titulación como esa fai falta unha inversión moi grande por parte da Xunta en laboratorios, profesorado. É unha titulación cara e a coste cero é imposible de levar a cabo. Temos as nosas reservas porque se non é unha aposta con diñeiro pódenos levar ao fracaso.

E o Campus Terra, seguirá adiante?
Iso hai que miralo. Descoñezo os números e a comunidade do campus de Lugo descoñece aí moitas cousas, non me podo aventurar a dicir nada porque non sei.

Parécelle que faltou transparencia ou que se involucrou pouco á comunidade?
Pensou que faltou transparencia e que faltou conexión co campus. Había que axudarse en vez de enfrontarse. É unha idea boa se se implica a toda a comunidade.

Cando eu estudaba viña moita xente de Pontevedra ou Vigo, agora coa crise a xente queda máis a estudar no seu entorno

O principal problema do campus é a falta de alumnado. Nestes catro anos puxéronse algunhas medidas en marcha, como as bolsas que dá a Deputación para a primeira matrícula. Vanse manter? Vai haber outras iniciativas?
Todo vai facer falta. Eu participo de Xuvenciencia, que é unha iniciativa a medio prazo e penso que é unha forma de potenciar o campus de Lugo porque os rapaces poden estar aquí unha semana, na que disfrutan, poden ver todas as instalacións e é unha posta en valor do que temos neste campus, que temos cousas moi ben feitas e temos que poñelo en valor.

Por que cre que non calla esa calidade?
Hai unha baixada de natalidade que é potente e esta é unha provincia cunha poboación moi envellecida. Cando eu estudaba viña moita xente de Pontevedra ou Vigo, agora coa crise a xente queda máis a estudar no seu entorno. Moitos elixen FP porque ven que a xente con graos tampouco atopa unha saída profesional... Hai moitas variables, pero creo que é posible revertir as situacións aínda con moitos factores en contra.

Que perspectivas lle ven ás titulacións que están duplicadas?
Hai que negociar fortemente, pero penso que deberiamos de partir dunha boa situación. 

Cal vai ser a estrutura organizativa?
Vai haber dúas vicerreitorias adxuntas: unha de investigación, innovación e transferencia e a outra para a atención á comunidade de todo o campus de Lugo. Tamén se vai levar dende Lugo a vicerreitoría de Organización Académica, que levará Celia Besteiro. É a primeira vez que se fai así, antes se había un vicerreitor do campus de Lugo ía para Santiago.

Que lles trasladaron os centros nas súas visitas?
Cada centro ten a súa problemática, pero nós quixemos trasladar que hai que remar todos a unha e que se vai facer mellor todo cun proxecto conxunto e os centros apoiarnos entre nós e non mirarnos con suspicacias uns a outros. Iso é o que hai que desterrar. O que lle vaia ben a un dos centros vaille ben a todos. 

"Os centros temos que apoiarnos e non mirarnos con suspicacias uns...
Comentarios