Monserrat Valcárcel: "A educación igualitaria desbota estereotipos"

A vicerreitora de Campus da USC en Lugo aposta por unha educación igualitaria desde a infancia para superar os estereotipos
Montserrat Valcárcel. XESÚS PONTE
photo_camera Montserrat Valcárcel. XESÚS PONTE

Estase a superar a fenda de xénero nas carreiras científicas e tecnolóxicas. Hai máis mulleres matriculadas e máis investigadoras?. Hai transversalización da perspectiva de xénero en todas as áreas do coñecemento?

Superar os estereotipos só se vai facer cunha educación igualitaria desde a infancia. Froito deses estereotipos están as decisións por parte das mozas de non elixir o ámbito tecnolóxico. Na enxeñaría, por exemplo, só unha de cada catro matrículas é de mulleres.

E, na ciencia en xeral, aínda que é un mundo onde os méritos non se miden por escalas subxectivas, tamén atopamos fendas para os prexuízos, basta só con observar os cadros máis altos de persoal investigador con moitos homes e poucas mulleres.

O obxectivo que se debe acadar co tempo é que a igualdade sexa considerada un principio transversal nas diferentes ramas do coñecemento.

Ata que punto ter máis matrículas ou ter mellores expedientes axudan a rachar o teito de cristal nos altos postos de institucións e empresas?

Nos últimos anos, a presión pola excelencia no mundo científico e no empresarial, unida a que son as mulleres as que teñen os mellores expedientes académicos, propiciou que desde distintos organismos, tanto públicos como privados, se comece a esixir políticas de igualdade que faciliten ás mulleres a completa incorporación profesional en postos de liderado.

Pero, aínda é necesario para acabar coa desigualdade demostrar” que o talento non ten xénero. As mulleres parten sendo maioría na universidade, pero rematan sendo unha minoría nas categorías máis altas. Se non hai mulleres tomando decisións, sempre van acabar recaendo nos homes e iso non o podemos permitir na sociedade, xa que, cando menos. somos a metade.

Comentarios