Mónica Alonso laiouse na ofrenda a Rosalía de que "diminúe" o uso do galego

A homenaxe á autora de ‘Cantares gallegos’ centrou os actos dun Domingo das Mozas no que houbo un contido ambiente festivo

Os lucenses resistíronse a que un dos días grandes das patronais, o Domingo das Mozas, pasara sen pena nin gloria. Non houbo a algarabía de antano nas rúas da cidade, pero si ambiente de festa, que estivo propiciado tamén polo bo tempo. Contido, eso si, para ser respectuoso coas limitacións establecidas polas autoridades sanitarias.

Unha das citas obrigadas do Domingo das Mozas, día que está adicado ao traxe tradicional galego, é a ofrenda floral a Rosalía de Castro no busto que se atopa á entrada do Parque que leva o seu nome. Este ano correu a cargo de Mónica Alonso. A artista plástica fonsagradina aproveitou o acto para facer unha encendida defensa da lingua galega. Laiouse de que hoxendía "diminúe" o seu uso e fixo fincapé na valentía que ao seu xuízo amosou a autora de Follas novas ao empregala hai máis dun século e medio, "nunha época de desprezo". Queixouse ademais de que a cultura galega sempre foi "desprestixiada".

A oferente estivo escoltada por outras dúas mulleres, a alcaldesa Lara Méndez e a concelleira de cultura, turismo e promoción da lingua, Maite Ferreiro, que salientaron a importancia de manter este acto "nun ano complexo".

Mónica Alonso recoñeceu "a temperá influencia" que tivo Rosalía de Castro para que empregase a lingua galega na súa vida e na súa obra. Así, inspirouse na poeta de Iria Flavia, segundo contou, para crear Cor de carne triste. "Para min e para todos Rosalía é única", afirmou esta doctora en Belas Artes, que ademais subliñou a "moita valentía" que amosou a homenaxeada para "falar das nosas sombras". 

[Domingo das Mozas. ADRA PALLÓN]

Domingo das Mozas. ADRA PALLÓN

REFERENTES SÓLIDOS. Nestes tempos condicionados pola emerxencia sanitaria, esta tamén estivo presente na ofrenda do Domingo das Mozas. Mónica Alonso cre que son necesarios "referentes sólidos que asenten as nosas decisións", como o foi a autora de Cantares gallegos, nesta etapa que dixo que está caracterizada pola "pandemia, a deshumanización, a desnaturalización e a destrución do planeta e de nós mesmos". Aínda que a Rosalía de Castro se lle adoita vencellar coa cor negra, pola tristura e melancolía que reflicten os seus poemas, Mónica Alonso rexeitouno: "Ti non es negra, dás calidades ao negro", dixo, e engadiu que as súas son "cores cheas de vida".

Ademáis do tradicional centro floral, a artista natural da Fonsagrada ofreceulle un pano do que pendurou lazos de diferentes cores, cunha frase en cada un recollida das obras da homenaxeada.

Mónica Alonso empregou unha batería de adxectivos, como "emocional", "sinceira", "valente" ou "intensa", para definir a Rosalía de Castro, da que dixo que tiña "a cabeza verde", como os prados, as silveiras e as beiras dos ríos, e "o corazón vermello", como o amor que profesaba "por Galicia e as súas xentes".

A oferente rematou a súa emotiva intervención subliñando que Rosalía describiu a Galicia "con todas as cores dun fermoso xardín" e deulle as gracias por "cuidar de nós". O acto, que foi menos concurrido que en anos anteriores como consecuencia da situación sanitaria, concluiu coa interpretación do Himno Galego a cargo dun grupo de gaiteiros.

AO SON DA MÚSICA. Neste Domingo das Mozas catorce agrupacións das catro provincias animaron o recinto histórico coa mostra de música tradicional organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos. Ademais, no escenario da Horta do Seminario actuaron as Pandeireteiras e Pandeireteiros Traspés e Os Carunchos.

Nos outros cinco escenarios espallados pola capital lucense houbo nove concertos de diferentes estilos musicais, a cargo de Verto, Caamaño e Ameixeiras, Moura, Angélica Salvi, Mixtape, Una Mesa para Dos, Raiceira, Minton’s Jazz e Queen Pro Quo.