Mobilidade entrega 30 tarxetas cidadás a pensionistas e xubilados

Permitiralles un aforro de ata o 50% no prezo do billete do bus urbano
Arroxo, con representantes dos xubilados e pensionistas. EP
photo_camera Arroxo e López, con representantes dos xubilados e pensionistas. EP

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, e a edil de Participación, Cristina López, entregaron este martes a tarxeta cidadá aos integrantes da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Lugo. En total foron 30 os cartóns repartidos entre os socios do colectivo.

O concelleiro nacionalista explicou que "desde as áreas de Mobilidade e Participación continuamos a colaborar con entidades e colectivos para que toda a veciñanza poida obter a tarxeta cidadá". Este cartón permitiralles aforrar ata o 50% no prezo do billete de bus urbano.

"Unha das solicitudes que recibimos por parte deste colectivo foi aumentar as conexións co Hula, o que se converteu nun dos cambios máis importantes no novo modelo de transporte urbano, ao aumentarse en oito barrios máis as conexións directas co hospital con respecto ao modelo anterior", explicou o tenente de alcalde, que engadiu "as novas liñas melloran as conexións nas zonas urbanas e periurbanas, aumentando as frecuencias e as zonas ás que chega o bus, ao que se une a posibilidade de facer transbordo con pouco tempo de espera, o que facilita os desprazamentos en bus urbano".

NOVAS TARXETAS CIDADÁS. O Concello de Lugo aprobará este mércores a adquisición de 10.000 novas tarxetas cidadás. Arroxo explicou que "coa entrada das novas liñas é o momento de que a veciñanza de Lugo se anime a obter a tarxeta, que ademais de reducir o custo de cada viaxe  ata nun 50% permite tamén axilizar a entrada no bus".

Pagando con tarxeta cidadá, o prezo do billete ordinario pasa de 0,64 euros a 0,45 euros, no caso de non ter dereito a bonificacións, ou a só 0.31 euros no caso de persoas pensionistas, desempregadas, estudantes ou persoas con mobilidade reducida.

O prezo do transbordo tamén é inferior, pasando a valer 0,19 euros sen bonificacións ou só 0.10 euros no caso do transporte bonificado, o que permite aforrar ata un 50% no prezo do transporte público. 

O tenente de alcalde destacou que "Lugo ten o transporte máis barato das cidades galegas e o terceiro máis barato das capitais de provincia do estado".

Para obter a tarxeta cidadá, deberá cubrirse o formulario que se pode atopar na web do Concello, ou recollelo nas oficinas municipais do seminario, e pagar a taxa de 3,09 euros nunha oficina de Abanca. Despois, deberá pedirse cita no 010 para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro será, como mínimo de 5 euros, cun máximo de 60 euros.

Comentarios