Milladoiro fai valer en Lugo os seus galóns como luminaria do folk galego

A banda repasou este xoves algunha das pezas máis emblemáticas da súa carreira nun concerto no auditorio Gustavo Freire
Os integrantes do grupo Milladoiro, que actuaron este xoves en Lugo ante unhas 300 persoas
photo_camera Os integrantes do grupo Milladoiro, que actuaron este xoves en Lugo ante unhas 300 persoas

O berro seco, A Galicia de Maeloc ou Galicia no país das marabillas son algúns deses discos totémicos do folk galego asinados por Milladoiro, a banda que mudou todo á hora de crear músicas baseadas na tradición do país e que onte repasou a súa traxectoria nun concerto no Auditorio de Lugo.

A veterana formación -camiña cara aos corenta anos de dedicación á música galega- ten pisado escenarios de todo o mundo. Nesta altura xira por auditorios de Galicia e estará a semana que vén no Festival do Queixo de Arzúa, antes de se embarcar camiño de Italia, xa que esta primavera están citados para levar a Bérgamo a súa particular interpretación de muiñeiras, alalás e alboradas.

Como puido comprobar o público -unhas 300 personas- que se achegou onte ata o Gustavo Freire, Milladoiro foi o grupo que sentou as bases do chamado celtismo na música galega a finais da década dos setenta do século pasado.

Milladoiro ten asinado bandas sonoras -El rey del río ou El bosque animado, entre outras- e pezas como a súa revisión do Alalá das Mariñas, Alborada de Ponte Caldelas ou O ramo verde, que forman parte da propia banda sonora de Galicia das últimas décadas. Os músicos e instrumentistas Nando Casal, Xosé Ferreirós, Moncho García, Harry C., Manu Conde e Manu Riveiro integran a banda na actualidade.

Comentarios