O MIHL amosa do 5 de febreiro ao 28 de maio xogos e xoguetes de varias xeracións

A mostra 'Así xogabamos' está organizada pola Concellería de Cultura en colaboración coa asociación Tebuki Toy
Rivas, Ferreiro e Arroxo, na exposición 'Así xogabamos'. EP
photo_camera Rivas, Ferreiro e Arroxo, na exposición 'Así xogabamos'. EP

O Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) inaugura este sábado —5 de febreiro— a exposición Así xogabamos, que se poderá visitara ata o 28 de maio. "É un percorrido por unha parte da nosa historia máis recente, na que toda a familia poderá compartir lembranzas da infancia e ver como mudan os tempos a través dos xoguetes que desfrutamos en cada xeración", salientou este mércores a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, cuxo departamento organiza a mostra en colaboración coa asociación Tebuki Toy.

"Estamos ante unha exposición que pretende crear un punto de encontro entre distintas xeracións, un espazo no que lembrar e aprender", engadiu a edil, que presentou a iniciativa xunto ao tenente de alcalde, Rubén Arroxo. Reivindicou, ademais, que o Concello segue a "achegar propostas novidosas e alternativas ao MIHL, continuando co éxito do ano pasado, onde se superaron todos os rexistros de visitantes dos últimos anos".

Así xogabamos abrirá as súas portas o sábado 5 de febreiro, a partir das 11.00 horas. Nesa primeira fin de semana, os integrantes de Tebuki Toy organizarán distintos obradoiros no MIHL, para nenos de 4 a 7 e de 8 a 12 anos. Os obradoiros celebraranse o sábado 5 —de 11 a 12 horas— e o domingo —de 12.30 a 13.30—.

O MIHL está aberto de martes a venres de 10.00 a 13.30 horas e de 16.00 a 19.30, mentres que o horario dos sábados, domingos e festivos é de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.30. Durante a Semana Santa será de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30. O Día Internacional dos Museos, o 18 de maio, abrirá en horario ininterrompido de 10.00 a 20.00 horas.

Comentarios