Miguel Couto: "O proxecto da Garaballa será un espello para o resto da cidade"

Podería ser unha cita romántica pero só era a súa primeira entrevista como concelleiro. Sentados nun banco do parque Rosalía de Castro, frente ao estanque dos parrulos, o novo edil de Urbanismo Sostible elixiu este escenario pola distensión que dá este pulmón verde de Lugo
Miguel Couto. AIDA SOENGAS
photo_camera Miguel Couto. AIDA SOENGAS

NO BANCO DO parque e fronte aos parrulos, Miguel Couto fai un repaso de todos os asuntos pendentes que ten a concellería que leva entre mans, a que trata do Urbanismo Sostible.

Unha curiosidade... cal é o motivo polo que me trae aquí?

Estiven a pensar nun escenario axeitado para facer a entrevista e ocurríuseme este. Aquí estase moito mellor que sentados fronte a unha mesa. Cando dirixía Asepeyo, veu un día un directivo e tamén me trouxo ao parque para falar o que tiñamos pendente. Eu quedei un pouco sorprendido e díxome: "Sería un desperdicio non facer uso dun espazo relaxado ao noso alcance para poder falar".

Parece unha contradición: urbanismo e sostibilidade...

Non son contraditorios porque trátase de planificar a cidade hacia un modelo que respecte a biodiversidade, a separación das aguas da chuvia para o seu reaproveitamento, a eficiencia enerxética creando edificios sostibles. Ou sexa, o plan Life-Lugo Biodinámico, que pretendemos facer na Garaballa, un escaparate do modelo de cidade que queremos implantar en Lugo.

Non teñen medo convertir A Garballa nunha reserva de tanta filosofía verde que van levar para alí?

Nin reserva, nin gueto. E, aínda así, que perigo tería se así fose? Supoño que a xente estará encantada de vivir alí como o están os veciños deste parque. A Garaballa ten que ser un espello para o resto da cidade, unha pinga dun modelo para que de aí beban outros noutras zonas de Lugo.

O Garañón será un dos asuntos que levarán máis horas de traballo pero iso non estaba debaixo da alfombra!

E por que levar para A Garaballa a cidade verde cando aínda hai moito verde nunha zona tan céntrica de Lugo como o barrio do Carme?

Nesa zona non se poden facer moitas cousas porque hai as limitacións do Camiño de Santiago e das catas arqueolóxicas que descubriron cousas interesantes como unha cloaca romana. Para aí hai outro plan, o Muralla Miñae, que pretende romper as barreiras entre o río e a cidade con carrís bici, unha pasarela, un paso subterráneo e as pozas termais.

Se puidese facelo sen máis, que edificios tiraría vostede en Lugo?

Os edificios representan momentos e evolucións. Non faría avenidas longas pero a orografía de Lugo, no alto dun monte e entre dous ríos, é o que permite. Aí entraría tamén o debate se se debera ou non edificar pasando o río.

E que opina?

Agora mesmo non é necesario.

Ve moito feísmo?

Antes que falar de feísmo, habería que impulsar que os donos rehabilitasen as vivendas porque hai moitas en abandono ou ruínas.

A tramitación vai lenta, pero moitas veces os promotores presentan documentación incompleta

O seu maior ‘marrón’ será o edificio do Garañón?

Será un dos asuntos que levarán máis horas de traballo pero iso xa estaba aí, á vista, non estaba debaixo da alfombra! Estamos pendentes dun informe para negociar co promotor e tamén se abriu estes días a licitación ás empresas que opten por unha solución alternativa no solar cando se tire.

É consciente tamén de que é moi lenta a tramitación das licenzas?

A tramitación vai lenta, si, pero non é só ese o problema. Moitas veces os promotores presentan a documentación incompleta e noutras hai atrancos de informes que han de presentar ao Concello outras administracións.

Pode ser a súa unha concellería que vexa capados os seus proxectos polas rivalidades políticas entre as distintas administracións?

Non, non creo que se chegue a ese extremo porque o perxudicado sempre é o administrado, que fará un investimento na cidade. Aí non hai xogo político.

Non obstante, moitos dos últimos grandes proxectos urbanísticos en Lugo están a ser bloqueados por diferenzas entre a Xunta e o Goberno central ou o Concello como a intermodal, por exemplo.

Si, pero agora parece que a Xunta xa asume o proxecto do Adif.

E o cuartel de San Fernando?

Ese asunto hai que darlle unha volta. É un Ben de Interés Cultural (BIC) e só admite que se convirta no Museo da Romanización. O caso é que aí a Xunta non colaborou e ata tivemos que facer intervencións no edificio, que se cae.

Hai un barrio no que a Xunta lle colleu a iniciativa ao Concello: o da Residencia.

Si, é zona da Xunta. Hai algunhas dificultades técnicas non moi importantes e en breve terán licenza. Non temos interés en poñer atrancos a isto.

Non lle vai sobrar moito tempo para estar ao tanto de todo...

Xa non me sobra.  Non teño tempo libre. Parte das miñas vacacións dediqueinas a coller o pulso aos asuntos do Concello.

E como se desestresa?

Xogando ao pádel e indo a ver os partidos do Breogán cos meus fillos as fins de semana.

Na casa non?

Bueno... din os que me coñecen que cociño bastante ben.

Comentarios