A Mesa pide expedientar a dúas funcionarias de Lugo por negarse a atender en galego

Esixe á Xunta unha "condena pública deste caso de racismo lingüístico"

Asistentes á rolda de prensa. A MESA
photo_camera Asistentes á rolda de prensa. A MESA

Representantes da Mesa pola Normalización Lingüística reclamaron este sábado á Xunta de Galicia unha "condena pública" do caso de "racismo lingüístico" de dúas funcionarias que supostamente se negaron a atender en galego en Lugo, para as que piden a apertura dun expediente disciplinario.

Segundo a denuncia, estas dúas traballadoras da Delegación Territorial da Xunta, concretamente do Servizo de Deportes, negáronse a atender en galego a unha usuaria e contestáronlle de malos modos.

En rolda de prensa, a secretaria xeral da Mesa pola Normalización Lingüística, Mónica Pazos; a vicepresidenta e directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elisa Quintas; o responsable da Mesa en Lugo, Lois Neto; e Adela Figueroa, a usuaria que foi vítima dese suposto caso que cualifican de "racismo lingüístico", relataron os seus puntos de vista sobre o ocorrido.

Figueroa asegurou que unha das traballadoras públicas chegou a dicir en alto: "Oxalá que volvese Franco".

Mónica Pazos quixo expresar o apoio da Mesa a "todos os galegofalantes que viven situacións discriminatorias", porque opina que o sucedido na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo "non é un caso illado", senón máis ben ao contrario porque ocorren situacións similares "a diario".

Desde o seu punto de vista, é o propio Goberno galego o que "alimenta esas actitudes" con "escusas para non promocionar" o idioma. Nese sentido, ante a gravidade do sucedido en Lugo, Mónica Pazos pediu "unha condena pública deste caso de racismo lingüístico", porque a Xunta "aínda non contestou" e limitouse a realizar "exercicios de cinismo".

Pola súa banda, Elisa Quintas lembrou a obrigación que teñen os traballadores da administración autonómica de coñecer o galego e, ante a actitude das dúas funcionarias do Servizo de Deportes de Lugo, pediu que se lles abra expediente disciplinario a ambas.

En relación con este asunto, o delegado territorial, José Manuel Balseiro, informou de que xa mantivo unha conversación coas dúas funcionarias e está a tratar de "solicitar toda a información" para tomar "unha decisión" nos próximos días. 

Comentarios