Méndez firmou en Fitur un acordo con Alsa para descontos nos viaxes en bus á festa do Arde Lucus

O PP criticou a escaseza de folletos promocionais da cidade na feira e quere saber con que axencias turísticas contactou o goberno local
Comienza el Arde Lucus. S.SENANDE
photo_camera Arde Lucus. S.SENANDE

O Grupo Alsa aplicará na XIX Festa do Arde Lucus descontos nas tarifas no seu transporte regular de pasaxeiros que teñan orixe ou destino na localidade de Lugo, segundo fixa o acordo que asinou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, co director xeral da compañía, Víctor Manuel López, na Feira Internacional de Turismo en Madrid.

Este desconto, que será do 25% e que se aplicará nos servizos de ida/volta desde tres días antes do inicio do evento até dous días despois da súa finalización, non é o único compromiso da empresa, que tamén promocionará a festa de recreación histórica mediante a difusión dun vídeo do Arde Lucus desde o mes de maio a través da súa canle de entretemento dentro dos autocares. Tamén incluirá un banner promocional do evento na súa páxina web.

CRÍTICAS DO PP. A popular Beatriz Vázquez, que foi un dos tres edís do PP que acudiu a Fitur, asegura que sentiu vergoña ao acudir ao stand de Lugo e comprobar que non había ningún folleto editado polo Concello salvo as dúas páxinas que se fixeron do Arde Lucus. "É dunha pobreza absoluta e dunha falta de visión sobre todo cando temos tres Patrimonios da Humanidade e estamos ás portas do Xacobeo", afirmou.

O PP presentará preguntas para saber con cantos operadores turísticos, influencers, youtubers ou bloguers se reuniron cos concelleiros do goberno para buscar a promoción de Lugo. Tamén quere saber se se concretou algunha proposta con axencias das cidades coas que está irmandada Lugo, a chinesa Qinhuangdao, a francesa Dinan, Ferrol e Viana do Castelo, en Portugal.

Comentarios