domingo. 05.12.2021 |
El tiempo
domingo. 05.12.2021
El tiempo

Masterchef con denominación de origen

Participantes no obradoiro sobre carne na facultade de Veterinaria.
Participantes no obradoiro sobre carne na facultade de Veterinaria.
Participantes en Xuvenciencia elaboraron pratos de tenreira para completar o menú do xantar a base de produtos de calidade. O hospital Rof Codina foi outro dos epicentros da actividade deste xoves, con percorridos por todas as súas instalacións

A pausa para o xantar foi onte algo diferente en Xuvenciencia, o campus científico para alumnos preuniversiarios que organizan profesores do campus e co que colabora El Progreso. Os 120 participantes e algúns dos docentes implicados na iniciativa gozaron dunha comida a base de produtos de calidade ofrecidos por distintas denominacións de orixe. Un dos pratos fortes foi o pepito de tenreira con pan de Cea, coa peculiaridade de que foi preparado polos rapaces que participaban no obradoiro ‘Segredos da carne’.

Antes de poñer as pranchas de cociña a traballar, os alumnos recibiron unhas nocións sobre as denominacións de orixe e sobre a indicación xeográfica protexida Ternera Gallega a cargo de Luis Vázquez Pérez, veterinario e director de Promoción desta indicación. El foi tamén o encargado de dar unha clase práctica sobre distintos cortes da carne, o mellor modo de tratala e de cociñala.

Menú. O xantar consistiu en distintos pratos elaborados con Ternera Gallega, queixos de Arzúa-Ulloa, San Simón, Tetilla e Cebreiro, tarta de Santiago e mel de Galicia

Como utilizar a prancha, a temperatura que precisa, que tipo de sal usar ou cando botarllo foron só algunhas das cousas que aprenderon neste obradoiro, probablemente o máis gorentoso de cantos se teñen organizado ao longo desta semana. Os aprendices de cociñeiros puideron comprobar por eles mesmos como variando distintos factores se obteñen distintos sabores e texturas.

Cando xa tiñan a técnica algo dominada, puxéronse mans á obra para elaborar os pepitos de tenreira cos que completar o menú gourmet que despois desfrutaron tanto os alumnos como os profesores. Lucía García, estudante de primeiro de Bac do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, recoñeceu que, aínda que lle gusta a cociña, neste obradoiro aprendeu moitas cousas que descoñecía. E non só sobre como manexarse nos fogóns, senón tamén sobre «todos os procesos que pasa a carne desde que se mata o animal ata que se pon no mercado».

Hospital. Moitos dos participantes coñeceron o Rof Codina, onde visitaron todas as dependencias

Mentres os participantes no obradoiro poñían toda a carne nas pranchas, nas portas esperaban os seus compañeiros, ansiosos por probar esos pratos que recendían tan rico. No menú tiñan tamén empanada e guiso de xarrete de Ternera Gallega, queixo do Cebreiro con mel de Galicia, tarta de Santiago e unha selección de queixos de San Simón, Arzúa-Ulloa e Tetilla.

Moitos dos comensais viñan directos da visita guiada ao hospital veterinario Rof Codina, por onde pasaron ao longo da mañá boa parte dos participantes en Xuvenciencia. Para algúns, como Paula López, este centro foi todo un descubrimento. Tiña claro que quería ir pola rama sanitaria, e despois deste día plantéxase facer Veterinaria porque lle encantou o que viu. Para o seu compañeiro Rubén Alcalá a visita non foi tan determinante, porque o seu dilema está entre Bioloxía ou Arte Dramático, pero tamén lle gustou porque «explicáronnos moitos tratamentos e está ben ter unha cultura xeral», dixo. Da mesma opinión é Alejandro Botana, que subliñou tamén que estaba todo «moi ben organizado».

 

 

Participantes en Xuvenciencia elaboraron pratos de tenreira para completar o menú do xantar a base de produtos de calidade. O hospital Rof Codina foi outro dos epicentros da actividade de onte, con percorridos por todas as súas instalacións

Masterchef con denominación de origen
Comentarios