domingo. 23.02.2020 |
El tiempo
domingo. 23.02.2020
El tiempo

CULTURA

Paco Martín: "'Ramón Lamote' asombrece a miña obra"

Paco Martín pasea pola Praza Maior en Lugo. XESÚS PONTE
Paco Martín pasea pola Praza Maior en Lugo. XESÚS PONTE
O escritor lucense publica a novela xuvenil ‘O home que mercou un libro’ en Galaxia. Indica que a obra amosa "as posibilidades de ler para divertirse e relacionarse"

O novelista Paco Martín naceu en 1940 e coñeceu outro mundo. Un mundo no que a lectura era prestixiosa, os bares tiñan baralla e os equipos de fútbol admitían unicamente xogadores do barrio. O autor vén de publicar un novo título, 'O home que comprou un libro' (Galaxia), sobre un rapaz de 24 anos que debe pasear coa fin de adelgazar, vese atrapado nunha libraría e compra un volume para poder escapar dun prosma.

O protagonista, Aníbal Hortensio López de Carricova, vive nunha cidade pequena. Non se identifica no libro. "Podería ser Lugo", apunta o autor. O libro vai contar un día do protagonista, que pasea, xanta e se relaciona cunha serie de persoas, en todo momento co seu libro na man. Ese obxecto sendo percibido con sorpresa, desprezo e admiración polos diferentes familiares e veciños que vai atopando no seu deambular.

Son xogador de mus. Antes xogaba ao mus, pero foron morréndome todos os compañeiros e xogo ao tute

"Soamente son unhas horas porque non necesitaba máis, non quería alongalo. Quería facer algo de lectura sinxela", comenta Martín mentres que busca o índice da súa obra para amosar que cada capítulo ten o nome escrito nos díxitos dun reloxo dixital. Tempos modernos. Ese tempo abonda para que o personaxe sexa consciente "das posibilidades do libro, no seu caso grazas a un libro que nin sequera le" e que tamén consegue que "se relacionen varias persoas".

Aníbal mesmo leva sorpresas que lle permiten superar os prexuizos. "Na cafetería á que vai ler a prensa deportiva descobre", grazas a que o libro que leva orixina unha conversa, que "o camareiro sabe moito máis do que el imaxinaba sobre poesía". Non falta un futbolista de éxito, que está de paso na cidade para visitar os avós. O tópico establece que un deportista de elite é superficial e rico. "Pero este estuda Historia e entende de poesía".

De novo xogaba ao fútbol. Agora prendo a televisión para ver partidos, pero aburro e apago

Paco Martín é afeccionado ao fútbol. Foi porteiro no seu barrio "e din que era bastante bo". Xogaba no Iris de Magoi nos anos 50 nunha escadra montada "por un uruguaio que tiña un ultramariños". Dese club saíron "sete ou oito profesionais. Foron para o Lugo, o Deportivo ou o Langreano, que Langreo tamén ten equipo". Visitou campos de toda a provincia. "Poñíaste de lama ata arriba e, se había ducha, ben; era de auga fría, pero ben. Se non había, lavábaste cun balde. De agua fría, en pleno inverno...". O campo do Ribadeo era "especialmente bo". Daquela pisaban herba traída do Santiago Bernabéu.

"Agora prendo o televisor para ver algún partido, pero aburro e apago". O seu catálogo de diversións é cativo e ordenado. "Pola mañá paseo. Despois de xantar vou botar a partida e, ao volver a casa, escribo. Quero saber que todavía sigo sendo útil". Leva medio século botando a partida coa mesma panda. "Hai cincuenta anos eramos moitos e tiñas que apartar o fume para poder achegarte ás mesas. Agora quedamos doce e ningún fuma. Eu son de mus, antes xogaba ao mus, pero foron morréndome os compañeiros e xogo ao tute".

A baralla tiveron que achegala porque os bares xa non teñen, do xeito que o libro parece singular aos mozos. "Hai uns rapaces que ven o libro de Aníbal e pensan que é o último modelo de iPad".

LAMOTE

O escritor tamén paseaba onte cun libro 'The things of Ramón Lamote', versión inglesa de 'As cousas de Ramón Lamote', que vén de ser publicado por Small Station Press. Ese libro ten lectores en todo o mundo, "especialmente en Hispanoamérica". Causa un poderoso orgullo e unha leve rabia no autor: "Asombrece o resto da miña obra".

Paco Martín non ten "papa" de inglés. Soamente busca unha palabra: chairego. Lamote é profesor de chairego. "Fixeron unha tradución dende o castelán para as bases militares de Estados Unidos. Chamáronme: "Tenemos el mejor departamento de español de todo el país, pero no somos capaces de traducir la palabra 'chairego'". O seu novo tradutor, Jonathan Dune, optou por "Terra Cha dialect". "E que saben os ingleses o que é a Terra Chá?".

Paco Martín: "'Ramón Lamote' asombrece a miña obra"
Comentarios