En Marea volverá levar ao Parlamento a necesidade de dotar de máis xulgados a Lugo


Villares acusa ao PP de votar en contra das súas propostas porque os seus "principais" casos e condenas por corrupción saen de tribunais lucenses 

Luís Villares. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Luís Villares. PEPE FERRÍN (AGN)

O portavoz de En Marea, Luís Villares, anunciou este venres que o seu grupo volverá levar ao Parlamento de Galicia, no mes de setembro, a necesidade de dotar de máis xulgados a Lugo. 

O líder do partido instrumental lembra que ata en catro ocasiones trataron de facer visible dita urxencia, sen que a Xunta tivese en conta ditas reivindicacións. "A situación dos xulgados de Lugo non é conxuntural, é estrutural. Por tanto non fan falta reforzos, fan falta novos xulgados", clama o exxuíz lucense. 

Neste sentido, lembra que esta demanda xa a trasladaron asociacións xudiciais, así como CSIF e UXT, que denunciaron, sobre todo, o colapso que se sofre no Xulgado Número 1, que leva importantes causas como a Carioca, a Pokémon ou a Operación Pulpo. 

Villares non dubida de que é preciso habilitar un novo xulgado de instrución e debulla que é fundamental por "dúas cousas". Por unha banda "para que podamos ter un xulgado de violencia de xénero que funcione máis axilmente e para investigar mellor todos os casos", asegura. "E para investigar mellor todos os casos que teñen que ver co penal e sobre todo coa corrupción", engade 

"O PP votou en contra por unha razón e é que os principais casos de corrupción con condenas contra populares saen de xulgados de Lugo. Aí está a Campeón, que afectou o Goberno de Feijóo", advertiu.

SINALAMENTOS ATA 2020. O portavoz de En Marea considera necesario, á súa vez, ir a un novoxulgado do social en Lugo, con señalamientos agora que se disparan ata o 2020. 

Neste caso, Villares tamén responsabiliza aos populares, ao recapitular que, "tras as reformas laborais de 2010 e 2012, os asuntos que teñen que ver co despedimento dos traballadores e as condicións laborais inxustas multiplicáronse, e unha vez máis o PP votou en contra porque son os responsables desa reforma laboral". 

"É unha necesidade estrutural o de crear novos xulgados en Lugo. A xente ten dereito a unha xustiza rápida e eficaz", reflexiona finalmente. 

Comentarios