miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

Manolo Buján: "Os restos arqueolóxicos teñen que estar no centro e o parador si, pero noutro sitio"

Manolo Buján. XESÚS PONTE
Manolo Buján. XESÚS PONTE

Ao César o que é do César. Este lucense —voceiro das asociacións de recreación histórica de Lugo— que desde hai oito anos encarna no Arde Lucus o papel de Paulo Fabio Máximo, o fundador da cidade, defende que o cuartel de San Fernando acolla o museo da romanización e que se busque outra ubicación para o parador de turismo

As 19 asociacións que participan no Arde Lucus —este ano sumarase outra máis—, que suman un milleiro de membros, comparten coa plataforma cidadá Muro —acrónimo de museo da romanización— que se rehabilite o cuartel de San Fernando para que albergue esta infraestrutura cultural, como sostén tamén o bipartito municipal. Eso non supón que se opoñan ao parador de turismo proposto pola Xunta de Galicia, pero entenden que este se debería ubicar noutro lugar do casco histórico, como o Palacio de Velarde ou o convento das Agustinas. Manolo Buján, que forma parte do Senatus desde 2012, é o seu voceiro. 

Cal é o posicionamento das asociacións de recreación histórica? 
As 19 asociacións do Arde Lucus adherímonos á plataforma Xuntos polo Muro, na que defendemos que se faga o museo da romanización no cuartel de San Fernando. Nós queremos que se cumpra a promesa que nos levan facendo durante 18 anos de que se vai facer un museo da romanización, en principio ía ser de Galicia e agora un pouco máis local. Quero tamén deixar claro que nós non estamos en contra de nada. 

Que lle parece entón a proposta da Xunta de que o cuartel de San Fernando acolla un parador de turismo e o museo da romanización se ubique no MIHL? 
O delegado da Xunta di que preferimos cambiar tres por un. Non é certo. Nós apoiamos ao señor Balseiro para que non deixe de insistir para traer un parador de turismo para Lugo pero, eso si, noutra ubicación. No centro ten o convento das Agustinas ou o Palacio de Velarde ou pode facer un novo no barrio do Carme. E, por suposto, os arreglos do Pazo de Dona Urrana e do antigo hospital de peregrinos ou Casa Torre parécennos ben. Os de Xuntos polo Muro apoiamos ao cento por cento todas esas obras que pretenden facer. 

Por que Lugo precisa un museo da romanización? 
Nós queremos que todas as pezas de arqueoloxía que viron a luz se poidan expoñer e estudar nese museo da romanización. Hai que pensar que Lugo ten agora mesmo catalogadas máis de 15.000 pezas arqueolóxicas atopadas nas excavacións da cidade e que pode haber outras tantas e probablemente máis sen catalogar, que están en almacéns ou mesmo no Museo Provincial. O museo é algo máis que unha sala expositiva onde vas a ver unhas pezas de arqueoloxía, ten que valer para o seu estudo, para poñelas en valor.... e para eso necesítase un museo en condicións. A cidade é un museo en si mesma, pero as pezas pequenas non se poden expoñer in situ (aras, pratos, vasos, todo o que usaban para a vida diaria...). 

Hai 15.000 pezas arqueolóxicas catalogadas e outras tantas sen catalogar en almacéns, no Museo Provincial...

Non lle parece axeitada a proposta do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL)? 
O MIHL é un museo para outros fins. Unha das diferenzas co cuartel de San Fernando é que neste se fixeron unhas excavacións, pagadas pola Xunta, nas que apareceron restos dunha domus —casa dunha familia romana de certo nivel económico—, dun hipocausto —sistema de calefacción polo chan—... Ao MIHL probablemente haberalle que buscar outras funcións (exposicións de arte, proxeccións de cine...). Os restos arqueolóxicos teñen que estar no centro, porque temos a muralla alí pegada. O sitio ideal para o museo da romanización é o cuartel de San Fernando e, repito, o parador si, pero noutro sitio. 

Ese museo suporía un pulo para o turismo na capital lucense? 
Un museo e os restos que se atopan na cidade son o mellor dinamizador cultural e turístico que podemos ter. E xa o temos aí. En cambio non coñezo ningún sitio que se promocione só por ter un parador impresionante. Tampouco comparto a proposta de facer un parador-museo. Se visitas por exemplo o Parador dos Reis Católicos en Santiago, onde hai pezas antigas, entras e parece como se che miraran dicindo 'Vostede que fai aquí?'. Un museo ten que ser museo e un parador un parador. 

Por que considera entón que fai esa proposta o Goberno autonómico? 
A mesma Xunta de Galicia foi a que escolleu nun principio o cuartel de San Fernando para o museo da romanización. Nunca puxo en dúbida esa ubicación ata este ano, que veñen as eleccións. Moito nos tememos que esta sexa unha cortina de fume para ir alargando máis e máis e ao final non facer nada.

Manolo Buján: "Os restos arqueolóxicos teñen que estar no centro e...
Comentarios