Martes. 18.06.2019 |
El tiempo
Martes. 18.06.2019
El tiempo

Maneiras de aprender sen ir á escola

Actividade de Semente, na antiga escola de Barbaín. SEMENTE
Actividade de Semente, na antiga escola de Barbaín. SEMENTE

OUTRA PEDAGOXÍA ► Nenea e Semente son proxectos alternativos ao sistema educativo convencional que comezaron a funcionar en parroquias de Lugo hai uns tres anos e demostraron que hai demanda para este concepto de escola, na que esta se adapta aos nenos en vez de os nenos a ela. Os dous tiveron lista de agarda o curso pasado.

POUCOS nenos están preparados aos tres anos para manterse sentados nunha cadeira máis de 15 minutos seguidos e o nivel de maduración e de desenvolvemento intelectual é tamén moi variable a esa idade, polo que, conscientes destes e doutros condicionantes aos que o sistema educativo convencional ten difícil atender por como está concebido, cada vez máis familias pensan -e cando poden, optan- por proxectos pedagóxicos alternativos.

Nenea e Semente Lugo teñen señas de identidade distintas, xa que o piar da primeira é a educación na natureza e o da segunda, a lingua galega, pero comparten moitos principios, como o respecto ao ritmo de cada neno, a aprendizaxe a través da experimentación e da emoción fronte á obrigación e á memorización e a relación coa contorna.

Nenea funciona na antiga escola de San Xoán do Alto e o 80% da actividade faina no exterior, con independencia da climatoloxía, polo que as familias deben investir en roupa e calzado. A base é o xogo libre, pero tamén dedican tempo a matemáticas e a lectoescritura.

Nenea atende a nenos de 3 a 6 anos e este curso tivo 16, con dúas educadoras. Dende hai unhas semanas son tres, tralo regreso, co seu bebé de sete meses, dunha das fundadoras. Coa nova situación incorporáronse outros tres nenos e para setembro está previsto algún máis, ata 20, o máximo, para deixar a cero a lista de agarda. «Cada vez hay más estudios que señalan la importancia de crecer en espacios abiertos y respetando el desarrollo infantil y los padres quieren darles esa oportunidad a sus hijos», explica Sofía Otero, fundadora con Bibiana Marful.

Nenea non asegura a praza por orde de solicitude senón que a outorga con criterios pedagóxicos. Se hai moitos nenos pequenos dálle prioridade a máis grandes e valora a permanencia durante toda a etapa de educación infantil.

Nenea funciona dende outono de 2015 e xa despediu a varios nenos aos que lles tocaba iniciarse en primaria, etapa a partir da cal é obrigada a escolarización convencional. Otero asegura que levan moitas ferramentas para saír adiante nun sistema tan distinto, como autonomía e seguridade en si mesmos. A maior dificultade que atopan non é académica, asegura. «Les cuesta más entender que si llueve no salen al recreo», explica Otero, licenciada en Belas Artes cun máster en investigación e innovación educativa. As outras dúas educadoras son pedagoga e mestra. Nenea funciona doce meses ao ano (agás agosto), a xornada é de 9.00 a 15.00 horas e o custo é de 250 euros ao mes.

Semente acolle na antiga escola de Barbaín a nenos de 2 a 6 anos e este curso ten dez porque, aínda que tivo algunha solicitude máis, o número non era suficiente para incorporar a unha segunda mestra, explica Santiago Quiroga, da directiva. As familias tamén son socias, pero a cota varía en función das posibilidades de cada unha. O proxecto cofinánciase con socios colaboradores (uns 80). A xornada é de 8.30 a 15.30 horas, con flexibilidade, e en agosto pecha.

Quiroga explica que Semente atende ás necesidades dos nenos, bebe de moitas correntes pedagóxicas, como Freinet, Preescolar na Casa ou Nova Escola Galega e traballa no deseño da súa propia.

Verán
Campamentos abertos
Nenea e Semente levan a cabo campamentos de verán abertos a calquera familia, sen necesidade de que sexa socia. O de Nenea é no mes de xullo, para nenos de 3 e 6 anos, e o de Semente arrinca o 24 de xuño, ata finais de xullo, e acolle a nenos de 3 a 10 anos.

Paxaros
A temática do campamento de Nenea serán os paxaros e pódese facer unha, dúas, tres ou catro semanas. Os prezos varían en función do período e de se é xornada completa ou media. O mínimo é media xornada durante unha semana (75 euros) e o máximo, xornada completa durante todo o mes (350 euros).

Festa Nenea
Nenea celebra a súa festa de aniversario o 8 de xuño, dende as 11.00 ás 18.00 horas, aberta a calquera familia.

Ikastolas
A rede galega de escolas Semente acaba de aliarse coa rede vasca de Ikastolas.

 

Maneiras de aprender sen ir á escola
Comentarios