viernes. 27.05.2022 |
El tiempo
viernes. 27.05.2022
El tiempo

Malabaristas da pequena economía

Unha muller carga no seu coche a compra que acaba de facer.
Unha muller carga no seu coche a compra que acaba de facer.
Vivir custa máis. Comer, producir o que se come, ata secar o pelo é caro. Todo sobe. A costa xa non é exclusiva de xaneiro e hai que estar ben en forma para remontala

Subiu o pan, no sentido figurado e no real. Facer a compra custa máis que onte e a progresión dos prezos parece imparable. A temida costa de xaneiro comezou xa hai meses e aínda non se lle ve o final. O encarecemento da vida afecta a todo o mundo. Cadaquén amaña como pode, pero non hai un lucense que non botara contas nos últimos tempos. 

Nos fogares hai que reorganizar gastos para non renunciar ao imprescindible: comida e electricidade. Pero eses gandeiros que producen o leite e a carne que tanto se encareceron tamén están a piques de afogar porque non ingresan o suficiente para cubrir custos. E na outra cara da mesma moeda están os negocios que ofrecen artigos ou servizos prescindibles. Perden preferencia na lista da compra e senten as consecuencias do recorte xeralizado na economía familiar.

Quen compra quéixase da subida de prezos, en especial dos comestibles básicos

AS FAMILIAS AXUSTAN. Onde ninguén é indiferente á subida de prezos é nas tendas de alimentación. Todo o mundo ten que pasar por elas, é inevitable visitalas e moitos dos produtos que se encareceron son de primeira necesidade, polo que é difícil prescindir dese gasto.

Aí os pais de familia saben máis que ninguén e desde que empezou a costa arriba levan feito un máster en estratexia financieira para chegar a fin de mes.

Quen vende advirte de que os custos de produción encareceron artigos e servizos e isto reprime o consumo

 

Non fai falta atravesar unha mala situación económica para ter que botar contas, é cuestión de sentido común. Incluso as familias nas que entran regularmente un ou dous soldos controlan o consumo para evitar gastos excesivos. Xa nada cae por casualidade no carro do supermercado. A compra é máis consciente e cada produto que chega á casa superou antes un control de necesidade.

Martín Fernández FernándezMartín Fernández é funcionario. Vive coa súa muller e cos seus fillos, de 13 e 17 anos. O seu soldo é o único que entra na casa nestes momentos, pero di que non ten problemas para chegar a fin de mes porque "medimos moito o que facemos".

Nos últimos tempos ten máis claro "onde hai que comprar cada cousa, buscamos os mellores prezos". Non se privan no básico –"hai compras que non se poden evitar. Subiu o leite, a froita, o pan, a pasta, pero cómprase igual"–, pero no que si economizan, por exemplo, é no consumo de electricidade. "Desde sempre insistimos moito en concienciar os cativos sobre o consumo responsable da luz e da auga. Na casa fomos cambiando todas as luces a led para aforrar electricidade e apagamos todos os aparatos cando non se usan, incluso a wifi. Somos responsables en canto a gasto enerxético", explica.

Carolina Pardo é outra nai, neste caso dun neno pequeno, que se ocupa habitualmente da compra familiar. Vive en Lugo, pero tanto ela como a súa parella traballan fóra e viaxan en coche, polo que notaron moito o incremento no gasto de combustible

Os desprazamentos laborais permítenlle facer a compra fóra da cidade, que ás veces resulta máis económico. "Busco moito produto de cercanía, ecolóxico. Notei a subida nas froitas, nas hortalizas e na carne, pero tamén sei que os custos de produción dos agricultores e gandeiros aumentaron moitísimo", apunta.

Carolina Pardo explica que a súa familia non ten problemas económicos, pode comprar todos os productos básicos, pero aínda así "penso máis o que consumo".

PRODUCIÓN PROPIA. Cando os prezos da alimentación se disparan, empézase a valorar a vaquiña polo que vale. O carácter rural da provincia de Lugo favorece que moitas familias sigan producindo parte do que consumen. Din que teñen "sorte" de poder facelo, pero tamén recoñecen que iso require un "esforzo" que non todo o mundo está disposto a realizar.

O caso de María García repítese noutros moitos fogares lucenses. Tanto ela coma o seu home traballan fóra da casa unha parte do día, pero dedican outra parte da súa xornada a criar animais para autoconsumo.

"Eu non compro carne. Teño tenreira, porco, coello e polo. Tampouco compro patacas nin ovos. Teño leite e cando me sobra ata podo facer algún queixo. Todo iso aforrámolo cando imos comprar, pero producilo ten gastos e require moita dedicación", explica.

"Temos sorte por poder criar gran parte do que comemos, pero hai que traballalo. A min non me traen nada á casa. Se tes animais non hai vacacións", comenta. "Quen se ocupa da maior parte do traballo é o meu home. Ten que pagar o seguro do réxime agrario e tamén o dos animais. Hai que mantelos e dedicarlles moitas horas. Se botas contas, non compensa, pero sabes o que comes. A miña filla ten catro anos e non quere a carne de fóra da casa. Iso quere dicir que algo estamos facendo ben", apunta.

Aínda que non produzan os seus alimentos directamente, a conexión que moitas familias urbanas manteñen coas súas aldeas de orixe axudou sempre a chegar a fin de mes. Ovos, froitas e produtos da horta viaxan cada fin de semana do rural á cidade, das mans dos avós ás dos netos e todos coinciden en que non hai euros que cheguen para pagalos.

O RURAL TAMÉN AFOGA.  Aínda que a carne e o leite alcancen prezos de artigos de luxo nos supermercados, a vida dos seus produtores é cada vez máis austera. O incremento dos prezos que o consumidor paga non se reflicte nos beneficios dos gandeiros, que si teñen que afrontar unha forte subida nos custos de produción.

Ana Álvarez, gandeira de Molmeán, en Navia de Suarna.Ana Álvarez Fernández vive en Molmeán, en Navia de Suarna. Cría gando vacún e non lle cadran as contas. "Vendemos a carne ao mesmo prezo que hai 30 anos, pero os custos de produción cuadruplicáronse", afirma. 

A gandeira Ana Álvarez quéixase di que perde diñeiro ao vender a carne selecta que produce

Di que gasta máis de cinco euros en producir cada quilo de carne e véndea a 4,70. Leva tempo asumindo perdas, cubrindo números vermellos cos seus aforros e sobrevivindo a base de "austeridade". Asegura que "é imposible manterse así, é insostible".

As queixas polos baixos prezos que os gandeiros reciben pola carne non son novas, pero agora a súa economía vese aínda máis afogada polo encarecemento de produtos básicos para o seu traballo. "O penso subiu 60 euros por tonelada, a luz, o gasóleo, o seguro de autónomos... Os fertilizantes están a prezos prohibitivos e este ano xa non os vou poder usar", comenta.

Explica que "nas grandes áreas comerciais a carne subiu unha media de dous euros, pero aos produtores só nos subiron 20 céntimos. O resto queda por aí". Reclama, neste sentido, que as administracións faciliten a venda directa por parte do produtor aos consumidores, para evitar os intermediarios que prexudican ás dúas partes.

Comenta que na súa explotación produce Ternera Gallega Suprema. "É a mellor carne que hai, a que pasa os maiores controis de calidade. Os pensos están controlados, analízase ata a auga que beben os animais, as instalacións revísanse constantemente, o estado das camas ten que ser impecable... Son animais coidados ata o extremo, pero o seu prezo case non se diferenza do de calquera outra carne de tenreira".

Ana Álvarez ten moi claro cal é a solución: "Un prezo decente polo que produzo, non necesito nada máis". A rendibilidade é fundamental en calquera negocio e a gandaría non é unha excepción. "Se con tanto traballo e esforzo non dou conseguido un beneficio, xa non sei que máis podo facer. Resulta humillante", lamenta.

Por se fora pouco asumir o incremento de gastos provocado pola coxuntura económica, os gandeiros da montaña lucense teñen que afrontar outras perdas. "O lobo quítanos moitas ganancias. Se queremos apostar polo gando en extensivo hai que controlar a expansión do lobo. Xa non é só a perda do animal que che mata, senón a desazón que che deixa. Prefiro perder o dobre de diñeiro de calquera outro xeito, pero que non mo leve o lobo".

Criar un xato custa catro veces máis, pero o prezo de venda é o de hai 30 anos

Esta gandeira lembra que na súa casa sempre houbo catro ou cinco vacas. Ela hoxe ten máis de 40 e asegura que obtén menos beneficios dos que conseguían os seus pais. "Hai 35 anos vendías un xato por 1.500 euros. Con catro tiñas un millón de pesetas e cubrías ben os gastos. Con iso pasabas o ano. Hoxe os gastos cuadruplicáronse, como van saír as contas?".

Para que os números non sexan inasumibles di que hai que facer un esforzo inxente. "Traballo todos os días do ano. Aínda que me sobrase o diñeiro non tería tempo para gastalo", afirma medio en broma e medio en serio.

E aínda así, loita por manter unha actividade que é clave tanto para a supervivencia do medio rural como para que o resto da poboación poida ter acceso a unha alimentación de calidade. A súa intención é crear unha sociedade coa súa filla pequena para que poida incorporarse á explotación. O seu esforzo vai máis aló de chegar a fin de mes. Quere dignificar a gandaría para que teña opcións de futuro. E non só polo ben dos gandeiros, senón tamén do consumidor, que a fin de contas é quen desfruta o produto que sae dos pastos de Molmeán.

Mónica Vicente, responsable do salón de beleza Innova-T, de Lugo.MÁIS ALÓ DA ESTÉTICA. Hai dous anos, durante o confinamento imposto pola pandemia, quedou en evidencia que os salóns de peiteado prestaban un servizo máis aló da estética. Unhas semanas sen poder visitalos chegaron para botalos en falta e antes da reapertura xa tiñan lista de espera. Mónica Vicente está á fronte do salón Innova-T, en Lugo, e ten constatado moitos cambios nos últimos tempos. 

A evolución resúmese facilmente cunha frase: "Hace diez años llegaba mejor a fin de mes. Cuando empecé facturaba 40 euros al día y podía ir tirando. Hoy facturo 300 y no llega".

A peiteadora Mónica Vicente di que hai dez anos chegaba mellor que agora a fin de mes

A explicación é sinxela. Paga máis pola electricidade, polos produtos que utiliza, polas cotas da Seguridade Social como autónoma… e ten que reinventarse cada día para adaptarse aos novos hábitos de consumo da súa clientela.

"En el mes de diciembre pagué 50 euros más de luz que el año pasado. Tengo secadores, solárium… no puedo prescindir de la electricidad", explica Mónica Vicente. E o incremento de gastos non queda aí: "El material ha subido todo. El que más se ha encarecido es el desechable, que estamos obligados a usar. Los productos específicos también suben, pero no más que cualquier otro año".

Estos incrementos ten que reflectilos nas súas tarifas para que o negocio sexa rendible. "Cada año reviso los precios de los servicios en función del incremento de costes de cada uno. Solo subo los productos que se encarecen, nada más", explica. 

Nos últimos tempos ten constatado un cambio nos hábitos de consumo. "Ha habido un cambio grande en la peluquería: en los servicios que los clientes piden, en cómo acuden al salón y en cómo pagan".

Aumentou a demanda de servizos de beleza e espácianse as visitas para cortar e tinguir

O que realmente constata é que houbo un cambio na percepción das necesidades. "Los clientes que acuden porque necesitan cortar el pelo o teñir las canas espacian más sus visitas, retrasan ese gasto todo lo que pueden. Pero ha aumentado la demanda de otros servicios de belleza, sobre todo por parte de gente joven, que se preocupa por el cuidado del cuerpo y pide algo muy concreto. Este tipo de cliente prefiere gastar más para conseguir algo exclusivo".

Mónica Vicente afronta con moita positividade a costa arriba. "¡Claro que se puede sobrevivir! Lo que hay que tener es positividad. Para ganar más puedo ampliar horarios, servicios, subir precios… siempre hay una salida". E esta profesional non vai esperar sentada a que alguén lle amose o camiño, senón que revisa frecuentemente a súa oferta para non perder nin unha oportunidade: "A final de año siempre hago una consulta a los clientes para saber si están satisfechos con los servicios y si demandan algo más. En esta ocasión vamos a aumentar servicios de cuidado de la piel y del cabello, trabajos específicos que no son caros y que pueden interesar".

Aínda que sabe que o éxito do seu negocio depende da súa inventiva e capacidade de traballo, apunta que "ayudaría mucho si el Gobierno accediese a rebajar el Iva" dos servizos que se prestan nos salóns de peiteado.

Malabaristas da pequena economía
Comentarios