Concelleira de Cultura

Maite Ferreiro: "As de San Froilán son festas máxicas"

A política pagaría por unha ración de polbo os 12 euros estipulados este ano e desde 2016, aínda que a algúns hostaleiros lles parecía pouco diñeiro dado o nivel de inflación actual
Maite Ferreiro, cun pucho de la afeltrada a man, un xustillo de pano de peito vermello e un pano de la floreado.
photo_camera Maite Ferreiro, cun pucho de la afeltrada a man, un xustillo de pano de peito vermello e un pano de la floreado. S.S. / V.R. / X.P.

Non fai números á hora de calcular canto vai gastar nas festas. Di que depende do ano e da situación. Si, en cambio, fala de que pagaría por unha ración de polbo os 12 euros estipulados este ano e desde 2016, aínda que a algúns hostaleiros lles parecía pouco diñeiro dado o nivel de inflación actual. Maite Ferreiro quedaríase, por outra banda, coa ofrenda a Rosalía como o acto que nunca se perdería da programación do San Froilán, da que tamén é artífice como concelleira de Cultura.

Canto estaría disposta a pagar por unha ración de polbo nas casetas de San Froilán?
Pois 12 euros, que é o estipulado este ano polo Concello.

Cal é a fórmula máxica para que esta festa se distinga doutras?
Que é unha festa tradicional, que se fai na rúa e tamén na que poden participar todo tipo de familias.

Hai algo que nunca se perda en cada edición das festas?
A ofrenda a Rosalía de Castro. Ese é un acto único.

Cal é o seu nivel de gasto nestas festas de San Froilán?
Depende do ano e tamén da situación. Non teño un nivel de gasto en concreto para as festas. Pódese dicir que vai en función de distintas variables.

Churros ou castañas?
Churros, claramente.

Que San Froilán prefire: o das multitudes do Domingo das Mozas ou o máis tranquilo do resto dos días da semana?
O máis tranquilo, o dos días que non son festivos, aínda que o Domingo das Mozas creo que é único de por si.

Cal é o cachifallo que todos os anos compra nos mercadiños do San Froilán?
Unha mochila.

Bota de menos os senegaleses?
Botar de menos non sei pero creo que forman parte xa do San Froilán historicamente.

Lígase moito no San Froilán?
Non o sei pero o ambiente é, desde logo, propicio para ligar.

Se tivese que resumir as festas nunha palabra, cal se lle ocorrería?
Máxicas.

Cal é ese segredo inconfesable relacionado coas festas que nunca lle contou a ninguén?
Pois se é inconfensable, a pregunta fai a resposta e, polo tanto, tampouco se pode dicir.

Cantas veces na súa vida vestiría o traxe rexional?
Moitas, pero non podo darche un número en concreto porque non lembro exactamente cantas veces puxen o traxe.

De ter que escoller unha prenda, cal elixiría e por que?
A mantela, en toda a súa variedade e distinción. Esta é a peza que sempre me gustou máis do traxe galego. Polo tanto, sen lugar a dúbidas, escollería esta.

Comentarios